Piden declarar BIC a casa de Carvalho Calero para evitar que desapareza

O Concello de Ferrol mercou a casa por 350.000€ en 2010 pero non chegou a iniciar obras.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/11/2020 | Actualizada ás 21:45

Comparte esta noticia

Na casa natal de Ricardo Carvalho Calero non se ven placas conmemorativas, nin tampouco monumentos. Leva o número 56 da Rúa da San Francisco, por onde os ferroláns discorren dende o convento homónimo á entrada do arsenal militar. No traxecto -á esquerda se baixamos- queda un inmoble baleiro, carente de teito e parede, e sen máis identificación que dá un graffiteiro anónimo.

Estado da vivenda na que naceu Ricardo Carvalho Calero en Ferrol
Estado da vivenda na que naceu Ricardo Carvalho Calero en Ferrol | Fonte: André C.

Esa casa que agora se amosa a piques de caer foi onde, un 30 de outubro de 1910, deu en nacer a personalidade galega homexaneada neste convulso 2020 co Día das Letras: Ricardo Carvalho. O ferrolán, primeiro docente universitario de Lingua Galega e autor da primeira novela en galego da posguerra, viviu na casa de Ferrol Vello ata facer os 16, ano en que se trasladou a Compostela para estudar Dereito.

Así é que a cidade naval garda unha “estreita relación” coa vida e obra do pai das teses reintegracionistas. Cando menos, así o afirman as 8 asociacións culturais galegas que veñen de incoar unha declaración de BIC para o inmoble de Ferrol. Segundo explican no documento, “existe un claro vínculo” entre o autor e Ferrol, “especificamente no seu barrio”.

VENCELLO COA CIDADE

Este vencello, que segundo as asociacións asinantes foi comentada polo propio Carvalho, reflíctese ademais nos seus escritos literarios, cheos de “continuas referencias” a Ferrol Vello e o conxunto da cidade coruñesa. “En Ferrol Vello nacín / miña virxe a parrocheira / aparecéuseme un día espida / de pé e de perna”, escribe en O trebo das catro folhas (1944).

Este nexo entre Carvalho e a zona antiga de Ferrol, preexistente ó ensanche xeométrico, quedaría retratado con especial forza no vencello do autor coa súa casa natal, que hoxe se atopa “en ruinas”, segundo os asinantes dos BIC. E é por iso que Ferrolterra Antiga, Artábria, Rede do Patrimonio Cultural, Ateneo Ferrolán, SC Medulio, o Colectivo Literario Moraima, e o Muíño do vento, entre outros, piden darlle a consideración de Ben de Interese Cultural como sitio histórico.

PROMESAS DAS ADMINISTRACIÓNS

A demanda destas asociacións chega logo de anos de promesas para rehabilitar o inmoble sen que se chegara a poñer un só ladrillo. O Concello tomou a iniciativa hai xa 10 anos coa compra do inmoble, que no seu momento foi fortemente criticada polo prezo da operación: 350.000€. No paquete, iso si, ían incluídas as edificacións limítrofes, tamén en estado de ruína.

Dende entón, e malia o compromiso expreso de todos os gobernos locais, as promesas de rehabilitar o inmoble para convertelo nun museo non resultaron materializadas. En principio, a declaración de BIC abriría ás portas a un futuro máis prometedor. Con todo, casos coma o do Pasatempos de Betanzos, que a Xunta se nega a financiar tras declaralo BIC, incita a ver con pesimismo unha das pegadas máis valiosas do mestre Carvalho.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 A.C. Ferrolterra Antiga

Moitas grazas pola difusión. Puntualizar que Carvalho pasou a totalidade da súa infancia, tal como el mesmo indicou en varias entrevistas, no Barrio de Ferrol Vello, o que non quere dicir que nestes anos vivera só nesta casa natal (recoñecida como tal polo propio Carvalho) Un saúdo.

1 kPzY

Non hai ningunha fonte fiable de que é a casa natal de Carballo Calero, todo son suposicións.