Por Galicia Confidencial | Ames | 07/11/2020 | Actualizada ás 10:00
A Consellería de Mocidade e Normalización Lingüística de Ames pon en marcha o GaleTiktokers, un novo certame co que se pretende estimular a creatividade entre a mocidade, animar a creación de vídeos en galego con novos formatos e temáticas e darlle visibilidade á comunidade galega de tiktokers.
Neste concurso poderá participar toda a mocidade a partir de 14 anos, e os seus "Tiktoks" serán valorados por un xurado composto por persoas recoñecidas no ámbito audiovisual galego e nas redes sociais. Para inscribirse no certame, deberase enviar ao correo electrónico galetiktokers@gmail.com a ficha de participación cuberta e asinada xunto co vídeo creado. O prazo de inscrición xa está aberto e rematará o vindeiro 30 de novembro de 2020. Os premios entregaranse nun acto público o 18 de decembro de 2020.
Poderase participar de forma individual ou por parellas, e establécense dúas categorías en función da idade. Na primeira categoría entrarán rapazas e rapaces de 14 a 16 anos, ambas as dúas idades incluídas; na segunda, incluiranse mozas e mozos a partir de 17 anos. No caso de participaren dúas persoas no mesmo vídeo, deberá ser con pantalla compartida para cumprir as normas sanitarias de seguridade; deste xeito, poderase compartir vídeo pero non espazo de gravación.
O certame establece catro premios, dous en cada categoría, de 150 euros cada un deles. Haberá premios do público e premios do xurado. Os vídeos que se creen para este certame teñen que estar en lingua galega e deben ser de creación propia, a través da aplicación TikTok. Será obrigatorio que a lingua teña presenza, xa sexa de xeito oral, escrito ou musical. As pezas, de temática libre, deben ter unha duración comprendida entre 15 e 60 segundos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.