A CIG sobre a proposta da Xunta para un pacto polo galego: "É un insulto en toda regra á comunidade educativa"

Esixe formar parte do grupo de traballo que se vai a constituír nos próximos días a pesar de considerar que se trata dunha "pantomima" na que a Xunta quere gañar tempo mentres a extinción do galego se consuma de forma acelerada.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/12/2024 | Actualizada ás 13:33

Comparte esta noticia

A CIG-Ensino considerou que a proposta da Xunta para un pacto polo galego é un "insulto en toda regra" á comunidade educativa tendo en conta que non só non recolle a derrogación do Decreto de Plurilingüismo senón que as "escasas medidas que propón limítanse a aproveitar recursos xa existentes e que nin sequera foron promovidas pola Consellería". Así o trasladou nun comunicado remitido aos medios, no que esixe formar parte do grupo de traballo que se vai a constituír nos próximos días a pesar de considerar que se trata dunha "pantomima" na que a Xunta quere gañar tempo mentres a extinción do galego se consuma de forma acelerada.

Para o sindicato, o documento "é o mesmo que non propor nada" porque, "ademais de que non fai nin unha soa referencia real ao emprego do galego como lingua vehicular na educación", as "escasas medidas que se anuncian teñen que ver co folcrorismo na versión 2.0 ou simplemente refírense a iniciativas postas en marcha polos propios equipos de dinamización da lingua galega dos centros". "É dicir, que a Xunta non só non achega ningunha idea que significase un cambio radical para que a escola e o ámbito educativo deixe de ser un dos principais elementos desgaleguizadores da sociedade senón que mesmo se aproveita das propostas levadas a cabo estes últimos anos polo profesorado máis implicado na verdadeira normalización do idioma", sostivo.

A organización sindical censurou que non se inclúa nin unha soa referencia ao "decreto da vergoña" que, segundo denuncia, "foi a norma máis lesiva para o idioma galego desde o franquismo". Deste xeito, a CIG-Ensino entende que a única forma de reverter a medio prazo as "nefastas consecuencias da súa aplicación" e a súa completa derrogación é "gañar tempo para que a situación do galego siga empeorando mentres se dilata a súa vixencia". Ademais, apunta que o prazo de 15 meses que se dá aos grupos de traballo "é excesivo e xoga claramente en contra das opcións existentes para saír da emerxencia lingüística na que se atopa a lingua".

Así as cousas, o sindicado esixe formar parte do grupo de traballo que avaliará as medidas para o ámbito educativo, como sindicato máis representativo do profesorado. A CIG-Ensino sostén que o primeiro que hai que facer se realmente se queren introducir cambios é incrementar o uso por parte do profesorado e o número de materiais e recursos didácticos na etapa infantil, permitir que as materias científicas se poidan impartir en galego en primaria, ESO e Bacharelato e darlle un impulso á súa presenza en FP e nos ensinos de réxime especial, onde o seu uso é practicamente residual.

O secretario nacional de CIG-Ensino, Suso Bermello; a responsable de Área Pública da CIG, Laura Arrollo; e Lucía Perón, da Executiva de CIG-Saúde; en rolda de prensa
O secretario nacional de CIG-Ensino, Suso Bermello; a responsable de Área Pública da CIG, Laura Arrollo; e Lucía Perón, da Executiva de CIG-Saúde; en rolda de prensa | Fonte: CIG - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta