Mario Gradín, sociolingüista: "O PP sempre soubo adaptar o discurso sobre a lingua ao contexto social, aínda con falacias"

Tras coñecer os resultados do último informe da Real Academia Galega sobre o emprego do galego, que veñen reiterar a situación de alerta sobre a perda do idioma xa avanzada polo Instituto Galego de Estatística, o GC fala con Mario Gradín, doutor en Estudos Lingüísticos pola UVigo que recentemente presentou a súa tese 'A política lingüística da Xunta de Galicia aplicada na educación non universitaria galega no período 2007-2012'.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 18/12/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A lingua galega está ao borde do colapso. Esa foi a advertencia que fixo a Real Academia Galega (RAG) tras presentar esta mesma semana un informe demoledor sobre a situación do noso idioma. Os nenos de 5 a 14 anos empregan pouco ou nada o galego e, os que o falan habitualmente, son 34.000, fronte aos 180.000 que utilizan só o castelán para comunicarse. En paralelo, os castelanfalantes iniciais tenden cada vez menos a incorporar o galego ás súas prácticas lingüísticas, cando cos galegofalantes para todo o contrario, tenden máis cara á incorporación do castelán. Estas son só algunhas das conclusións dun pesimista informe publicado tamén en base aos datos xa dados a coñecer o pasado mes de outubro polo Instituto Galego de Estatística (IGE), que alertaba de que por primeira vez o galego deixa de ser o idioma maioritario en Galicia.

En Santiago, 'Convocatoria nacional pola lingua' convocada pola plataforma Queremos Galego.    Praza da Quintana. ARXINA
En Santiago, 'Convocatoria nacional pola lingua' convocada pola plataforma Queremos Galego. Praza da Quintana. ARXINA

Hoxe, dende o Galicia Confidencial falamos con Mario Gradín, doutor en Estudos Lingüísticos pola Universidade de Vigo (UVigo) e autor da tese 'A política lingüística da Xunta de Galicia aplicada na educación non universitaria galega no período 2007-2012: unha aproximación aos discursos e ás actitudes cara aos decretos 124/2007 e 79/2010'. Nela, Gradín céntrase en analizar os descursos arredor do debate das linguas nos seus momentos máis intensos. Así, remóntase ao ano 2007, cando, "durante o goberno bipartito, por primeira vez desenvolveuse un decreto que concedía ao galego un tratamento compensatorio, establecéndose por primeira vez na educación o mínimo de impartir un 50 % do currículo en galego, materias nas que os nenos tamén debían empregar este idioma para comunicarse". E a pesar de que se trataba dun decreto baseado no Plan Xeral de Normalización Lingüística e contar coa aprobación dos tres partidos na altura representados no Parlamento galego (BNG, PSdeG e PPdeG), "unha noite antes de que o decreto fose aprobado, e a pesar de que ata aquel momento contara co apoio do PP, os populares retiráronse da negociación".

Como lembra o investigador, "este feito xerou moitísima polémica arredor da lingua, porque dende ese intre o PP adoptou unha actitude e un discurso que nada tiñan que ver co Plan Xeral de Normalización Lingüística que eles mesmos aprobaran" no ano 2004. Por iso, dende o seu punto de vista, "foi unha postura moi hipócrita, actuando en contra do que eles mesmos apoiaran". Con todo, non foi o último momento de polémica arredor da lingua daquela década. No 2010, o decreto foi substituído polo chamado Decreto do Plurilingüismo, cuxos efectos prexudiciais para a lingua se poden observar a día de hoxe nos últimos informes arredor da situación do galego publicados tanto polo IGE como pola RAG. "Exerceu e aínda está a exercer moito dano contra o idioma", asegura Gradín, lembrando que "nestes momentos a situación do galego é nefasta nas xeracións máis novas, tanto polo descenso de galegofalantes, pois só arredor dun 16 % da mocidade fala galego, como pola falta de competencias no idioma, pois hoxe 1 de cada 3 nenos e nenas non sabe falar a lingua, e baixando". "A situación é máis crítica que nunca", advirte.

Por iso, na súa tese, Gradín entrevistou ás persoas que tiveron unha maior relevancia naquel debate. Por unha banda, contactou coas figuras máis implicadas politicamente, como foi o caso de Jesús Vázquez, conselleiro do primeiro goberno de Feijóo; Anxo Lorenzo, daquela primeiro secretario xeral de Política Lingüística e agora secretario de Cultura; Marisol López, que fora secretaria de Política Lingüística do bipartito; e Laura Sánchez, conselleira de Educación durante o bipartito. E tamén puido entrevistar a algunhas figuras do ámbito asociativo e dos movementos sindicais, como Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística; Anxo Louzao, exsecretario xeral da CIG-Ensino; e Gloria Lago, presidenta de Galicia Bilingüe, asociación agora integrada en Hablamos Español. Así mesmo, e para completar o círculo, puido entrevistar anonimamente a tres inspectores de educación que relataron as súas experiencias a respecto dos mecanismos de verificación e do grao de cumprimento dos decretos nos centros de ensino.

"O PP APROVEITOU O ENFRONTAMENTO IDEOLÓXICO ENTRE OS DEFENSORES DO DECRETO DO 2007 PARA OFRECERSE COMO A OPCIÓN MÁIS CONCILIADORA"

'Eu amo o galego', un dos lemas das protestas a favor do noso idioma e da nosa lingua
'Eu amo o galego', un dos lemas das protestas a favor do noso idioma e da nosa lingua | Fonte: Queremos Galego

A tese de Gradín intégrase na Análise Crítica do Discurso, enfoque co que investigador adopta unha actitude reprobatoria explícita ante o que considera que é unha situación de inxustiza ou de desigualdade social, neste caso lingüística. El partiu desa posición crítica á hora de analizar as entrevistas realizadas e da base de que que certas ideas se poidan difundir entre a sociedade non depende necesariamente de que sexan certas ou non, senón máis ben da capacidade dos grupos que as constrúan, neste caso fundamentalmente dos partidos políticos, que mesmo logran espallar entre a sociedade ideas que van en contra dos propios intereses das persoas que as asumen.

Deste xeito, nas súas entrevistas cos representantes do PP, Jesús Vázquez e Anxo Lorenzo, asegura que "o seu discurso estaba moi baseado no discurso da visión da lingua como un problema", xa que "partían da consideración de derrogar o decreto do ano 2007 por unha declarada guerra lingüística". Ao respecto, a posición do investigador foi que "ambos trataban de ocultar cos seus discursos o feito de que, precisamente, fora o propio PP o que creara ese conflito, porque adoptara unha posición que ía en contra do que eles mesmos aprobaran no seu momento, o Plan Xeral de Normalización Lingüística". Así, para Gradín quedou acreditado que "ámbolos dous tiveron esa consideración do tema da lingua como un problema, e adoptaron un tipo de discurso que pasou de estar centrado en solucionar os problemas da lingua a outro que concibe a lingua como un problema de seu". A solución que ofrecían?  "O reiterado modelo de equilibrio", apunta o investigador.

Gradín asegura que, de feito, "as entrevistas foron moi esclarecedoras, porque ámbolos dous políticos presentaron un discurso de extremos, no que por un lado se situaban os defensores do decreto do 2007, e polo outro Galicia Bilingüe". Noutras palabras, "o Decreto do plurilingüismo contou cun rexeitamento xeneralizado por parte de sectores que eran ideoloxicamente opostos, que estaban nas antípodas ideolóxicas pero que, a pesar de todo, coincidiron no seu rexeitamento total ao decreto". Para o investigador, foi precisamente isto do que se aproveitou o PP para "ofrecer unha imaxe de partido que se sitúa como a opción máis conciliadora, a intermedia, a medio camiño entre os dous extremos, optando polo modelo de equilibrio como a solución para todos". Algo co que, segundo afirma, "trataban de ocultar o feito de que o decreto actual ignora o contexto de desigualdade para o galego". Isto foi un dos argumentos estruturais de Callón e Louzao, tamén participantes na investigación.

"OS INSPECTORES DE EDUCACIÓN SABEN QUE NAS AULAS DAS MATERIAS QUE SE IMPARTEN EN GALEGO, OS NENOS FALAN EN CASTELÁN, PERO NON HAI SANCIÓNS"

Durante a súa investigación, Gradín afirmou decatarse do "descoñecemento absoluto sobre a situación real da lingua galega nas aulas". E é que "o problema do decreto non é xa que os seus principios teóricos sexan nefastos para a lingua, porque ese modelo de equilibrio defendido polo PP non garante a adquisición de competencias nin axuda á recuperación de falantes, senón que na realidade dos centros o galego está tamén moito peor do que podiamos imaxinar, algo do que xa leva advertindo dende hai anos A Mesa Pola Normalización Lingüística: a súa porcentaxe de uso real é moi inferior a ese 50 % de materias que se plasman na teoría, porcentaxe que descenso moi notablemente no caso dos colexios plurilingües ou con seccións bilingües". Antes de falar da realidade que lle transmitiron os inspectores de educación, o investigador lembra que os resultados da última enquisa do IGE xa amosaron como "os propios nenos e as súas familias dan a entender que mesmo nas propias materias que deben ser impartidas en galego, o alumno emprega o castelán".

Dende o seu punto de vista, este feito evidencia "un dos puntos máis febles do decreto: a chamada liberdade lingüística que se estableceu na súa versión inicial", e que "permitía que o alumno puidese empregar o idioma da súa preferencia nas materias non lingüísticas", isto é, que un neno de Vigo puidese falar en castelán na materia de Ciencias Sociais, aínda que esta estivese a ser impartida en galego. Afortunadamente, sobre o papel, esta mal chamada liberdade lingüística foi tombada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), pero "a pesar de que agora predomina a obriga de usar o galego nas materias respectivas, na práctica segue sen ser así, pois os propios datos do IGE amosan como, en moitos casos, nos usos orais, os nenos empregan o castelán para comunicarse nas materias impartidas en galego, tanto para dirixirse aos seus pares, aos compañeiros, como aos profesores". De feito, nas propias páxinas web da Xunta de Galicia figura a versión orixinal do decreto, sen as modificacións do tribunal. Desa maneira, "a norma estase a incumprir de tódalas formas posibles".

Algo que lle trasladaron tamén os propios inspectores nas entrevistas. "Dos tres inspectores, dous deles afirmaron non realizar visitas ás aulas por falta de tempo e de recursos, pero aínda así dixeron ser coñecedores de que hai unha tendencia absoluta cara o uso do castelán mesmo nas propias materias que se deben impartir en galego", evidencia Gradín. Ademais, conta que "o terceiro inspector declarou que, aínda que si realizaba visitas ás aulas, empregar o castelán nas materias en galego non se considera infracción, unicamente se anota no informe de seguimento que se debería procurar empregar o galego tamén nos usos orais de cada materia, pero sen interpoñer sancións ao respecto por non facelo". E é que, como asegura o investigador, "falando con estes inspectores, puiden comprobar que descoñecían a sentenza do TSXG". Sen dúbida, "esa foi unha das partes máis chocantes da miña investigación: o feito de que as propias persoas encargadas de verificar que se cumpra o decreto están a incorrer nunha ilegalidade" e sen ser conscientes, asevera.

"PARA QUE A SOCIEDADE ACEPTE AS POLÍTICAS LINGÜÍSTICAS QUE SE ESTÁN A DIFUNDIR, CÓMPRE QUE ESTEAN BASEADAS NUN DISCURSO DE SENSIBILIZACIÓN"

Así as cousas, Gradín ten claro que, "para que a sociedade galega acepte o tipo de políticas lingüísticas que se están a difundir, cómpre que parte destas estean baseadas nun discurso de sensibilización", é dicir, é necesaria a concienciación social, porque "se ti lle preguntas a unha persoa calquera, sen un coñecemento en profundidade do tema, sobre esa distribución a partes iguais, pareceralle o lóxico, o xusto e o nomral, porque non fai unha reflexión máis alá". Neste sentido, explica que "o propio Plan Xeral de Normalización Lingüística destaca de maneira constante a necesidade de desenvolver unha campaña de sensibilización social", ou sexa, que xa naquel momento se era consciente de que, por tratarse das primeiras medidas compensatorias que se aplicaban na historia da lingua, ían xerar certa polémica. E, "tendo en conta a situación de desigualdade do galego e a permanencia de prexuízos históricos contra a lingua, era preciso concienciar á sociedade".

Para o investigador, "o bipartito non foi quen de levar a cabo esa sensibilización, pois o propio Pérez Touriño, durante o período de campaña electoral do 2009, chegara a afirmar que o seu goberno non desenvolvería unha política de imposición do galego, de maneira que el mesmo, tras desenvolver o decreto, estaba actuando en contra del". Esta crítica tamén formou parte dos discursos de Marisol López e Laura Sánchez, secretaria xeral de Política Lingüística e conselleira de Educación daquel goberno, respectivamente, a pesar de que Gradín afirma que "elas mesmas presentaron nas súas entrevistas múltiples exemplos de adaptación a marco discursivo dos seus adversarios". De aí partirían tamén moitas desavinzas entre BNG e PSdeG durante o bipartito. Fronte a isto, para Gradín, "un dos maiores éxitos retóricos do PP é que sempre tivo a capacidade de adaptar o seu discurso lingüístico ao contexto sociopolítico e sociolingüístico do momento, a pesar de que moitas veces este estivese baseado en falacias ou directamente en mentiras, omitindo de maneira continua o feito de que o galego, sen unhas políticas lingüísticas compensatorias, vai continuar en risco de desaparición, especialmente no ámbito do ensino, o principal espazo de actuación sobre a mocidade".

Xuntando todo este contexto e chegando ata o día de hoxe, para Gradín está claro que "os resultados do IGE (e agora tamén os da RAG) non sorprenderon a ninguén", xa que "no ámbito da sociolingüística lévase anos, mesmo décadas, avisando desta situación", se ben "pode que os resultados aínda fosen algo peores do que se agardaba". Neste sentido, tamén aproveita para criticar a actitude da RAG, pois considera que "leva máis de 10 anos adoptando unha posición que non está o suficientemente implicada coas decisións tomadas pola Xunta", e iso a pesar de que "a propia academia leva máis dunha década desenvolvendo estudos que demostran de maneira constante como a situación do galego está a empeorar cada día máis, debido ás políticas lingüísticas que están a ser aplicadas". Por iso, o investigador asegura que, tras os últimos resultados coñecidos, "a RAG por fin amosou un discurso crítico coas políticas lingüísticas da Xunta", pero pide que "esa actitude vaia un paso máis alá e se centre no desenvolvemento de medidas de actuación que atinxan a tódolos sectores pronormalización ou progalego, co obxectivo de garantir a súa recuperación".

Mario Gradín, doutorando da UVigo
Mario Gradín, doutorando da UVigo | Fonte: Research Gate
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta