Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/12/2024 | Actualizada ás 16:16
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, informou de que os 11 grupos de traballo que se crearán para renovar Plan Xeral de Normalización Lingüística de 2004 reuniranse na última semana do ano.
En declaracións á prensa este mércores en Santiago, o conselleiro detallou que estes 11 grupos estarán conformados por 70 persoas "perfectamente cualificadas", de "prestixio absoluto e total".
Desta forma, López Campos asegura que se cumpre o compromiso de que estean en funcionamento antes de que acabe o ano estas 11 áreas que van desde o audiovisual ás tecnoloxías, de modo que elaboren os seus traballos en 2025. Tamén expón que se traballa de forma paralela en ámbitos como sanidade e a xudicatura.
Aprecia a "boa vontade" do PSdeG e Democracia Ourensana para achegar perfís para este proceso, á vez que carga contra o BNG que "se descolgou por completo" e "non quere participar neste proceso".
Asegura que o que fai o Bloque non é "nada distinto" do que "pasou en 2004", pois "pasan os anos pero non cambia moito a súa estratexia", xa que en 2004 "nin estivo nin participou" e "curiosamente agora son os que defenden a vixencia" dese acordo ao que se sumaron "a última hora". Incide que esta postura "se debe máis a tensións internas do BNG" que "impiden" que poidan chegar a un pacto co PP "A día de hoxe o único que sabemos é que continuan na súa actitude de non participar en nada", espeta, coa "única alternativa da manifestación e a pancarta". E é que asegura que se trata de "un pacto sen liñas vermellas" no que están dispostos a falar, pero sobre o Bloque non sabe "cal é o seu modelo".
Sostén que o que sucede co galego "non é un problema de competencia lingüsítica", senón de "uso social", no cal "hai marxe de mellora". Para iso, valora a proposta como a presentada este mércores de ampliar contidos na plataforma audiovisual Xabarín.gal. López Campos reiterou que a Xunta levará a cabo máis de 50 propostas para solucionar o "problema de uso social do galego" con actuacoines "a curto prazo xa".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.