A RAG pide declarar BIC a biblioteca Emilio Pardo Bazán para que a familia Fanco non a expolie

Dos preto de 8.000 volumes desa biblioteca, máis de 3.200 están no pazo de Meirás.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 09/11/2020 | Actualizada ás 17:38

Comparte esta noticia

A Real Academia Galega (RAG) formalizou a semana pasada ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia a solicitude para que a da biblioteca de Emilia Pardo Bazán sexa declarada como ben de interese cultural (BIC), xa que considera que só deste xeito pode garantirse a súa axeitada protección. 

Emilia Pardo Bazán
Emilia Pardo Bazán

A petición presentouse unha vez realizado o traballo de revisión e catalogación dos libros da escritora coruñesa que aínda fican no Pazo de Meirás, un labor que foi posible grazas ás xestións iniciadas a finais de 2015 pola RAG, que custodia preto de 8000 títulos da autora por decisión da súa filla e herdeira, Blanca Quiroga. “Emilia Pardo Bazán foi unha das intelectuais máis sobresaíntes de todos os tempos e todo o relacionado con ela ten gran significación para a cultura de Galicia”, salientou o presidente da Academia, Victor Freixanes.

A RAG ten a súa sede na que foi vivenda da escritora na rúa Tabernas da Coruña, e é responsable da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán. Dos preto de 8000 dos libros que adquiriu ao longo da súa vida, catalogados e ao dispor da comunidade investigadora, catrocentos vinte proceden do propio domicilio coruñés e os outros 7.463 de Meirás, onde ficaron, tras a cesión en 1938 ao ditador Francisco Franco do pazo que pertencera a Emilia Pardo Bazán, até que en 1978 o inmoble sufriu un incendio.

Con todo, a día de hoxe, máis de 3.200 volumes continúan en Meirás segundo se determinou na catalogación promovida pola Academia, un requisito necesario para que poidan ser tidos en conta na declaración de BIC.  Por iso, a RAG salienta o valor deste patrimonio bibliográfico, tanto pola relevancia intelectual e histórica da autora como polos seus amplos intereses e as relacións con numerosos intelectuais coetáneos, o que fai da súa biblioteca un conxunto excepcional.

A gran maioría dos volumes son primeiras edicións, moitos deles con anotacións manuscritas dos autores. Sobre todo abranguen literatura do Século de Ouro español, do XIX e principios do XX, francesa e española e unha boa representación de literatura galega. Hai tamén volumes de historia, filosofía, socioloxía, guías de viaxes e unha ampla representación da prensa da época de Pardo Bazán, onde ela adoitaba colaborar.

A protección deste patrimonio singular foi un dos temas abordados na xuntanza que mantiveron este luns en San Caetano o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes, e o titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, quen, segundo a RAG, manifestou o apoio do Goberno autonómico a esta petición e confirmou que esta será aprobada en breve. Na xuntanza tamén participaron o secretario da Academia, Henrique Monteagudo, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez.

FINANCIAMENTO

Neste encontro, a RAG solicitou á Xunta apoio orzamentario para manter a actividade científica da institución académica e analizouse a celebración en 2021 do centenario do falecemento da autora e as actividades programadas.

Ambas as institucións analizaron tamén a colaboración en torno ao Portal dá Toponimia e a posta en marcha do dicionario castelán-galego que a RAG espera presentar antes do 17 de maio do próximo ano.

DELEGACIÓN DO GOBERNO


O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, agradeceu a rápida resolución xudicial sobre o pazo de Meirás que "permite garantir o estado de dereito", segundo manifestou tras coñecer a decisión do Xulgado de Primeira Instancia número uno da Coruña na que estima a realización dun inventario no inmoble, exposta pola Avogacía do Estado.

Javier Losada subliña que "a rápida acción" a este respecto "permite asegurar a salvagarda dos bens do pazo de Meirás" tras ditaminar o xulgado que non é posible trasladar ou retirar ningún tipo de ben ata que se realice o inventario dos bens e a xuíza autoríceo.

Este fallo chega tras a petición do Estado de realizar un inventario para evitar posibles movementos de bens tras fixar a semana pasada no 10 de decembro o día en que o pazo de Meirás debe ser devolto por parte dos herdeiros do ditador.

A sentenza de setembro deu integramente a razón á Avogacía do Estado, nunha postura á que tamén se sumaron a Xunta, a Deputación e os concellos da Coruña e Sada.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta