Pode o mercado do viño 'bio' axudar a fixar poboación nas zonas rurais?

Un tudense vén de lanzar unha plataforma para mercar viño "bio" directamente ás adegas. O obxectivo é "reducir a pegada ecolóxica" e botar unha man ós pequenos produtores.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/11/2020 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

"Sempre fun un emprendedor". Con estas palabras explica Carlos Vázquez Padín como pasou a formar parte do selecto grupo de persoas que están a lanzar propostas empresariais en plena pandemia de covid. O tudense puxo en marcha este ano Bodegas.bio, unha plataforma de venda online de viño ecolóxico que se configura como a "primeira" en todo o Estado con estas características, segundo destaca.

Uvas colleitadas na vendima das Rías Baixas. EUROPA PRESS - Arquivo
Uvas colleitadas na vendima das Rías Baixas. EUROPA PRESS - Arquivo

Padín, ex alcalde de Tui por Converxencia XXI e que se define a si mesmo como un "amante" do viño, explica que se lanzou a esta iniciativa tras apreciar un nicho de mercado que non estaba a ser atendido. E é que, segundo explica, aínda que o mercado do viño estea xa "maduro", "no nicho ecolóxico había espazo para un proxecto". Segundo relata, a día de hoxe Bodegas.bio segue a ser a única plataforma de 'marketplace' dedicada de xeito exclusivo á venda de viño producido de xeito ecolóxico; alén dalgunhas pequenas tendas xurdidas despois da iniciativa e "cun enfoque distinto".

FIXAR POBOACIÓN

O compromiso desta nova marca vinícola galega queda marcado máis alá dos propios procesos de produción, que segundo destacan implican unha "redución da pegada medioambiental". E é que esta pulsión ecolóxica déixase entrever tamén na distribución e comercialización da bebida, xa que as botellas parten directamente das adegas á mesa dos consumidores, sen intermediarios.

Por outro lado, a implicación de Bodegas.bio con este consumidor "cada vez máis consciente" da necesidade de manter e coidar o entorno queda reflectida tamén na contribución que pretende dar contra o problema demográfico. Neste aspecto, a plataforma de Padín, que suma xa 58 adegas de todo o Estado, pretende botar unha man ós pequenos produtores para fixar poboación en zonas rurais.

Aínda que o proxecto de Bodegas.bio leva rondando a Vázquez Padín dende 2016, non foi ata o ano pasado que o tudense, coa súa marcha da política, contou con tempo para lanzar esta iniciatia. Padín foi alcalde de Tui entre 2017 e 2019 cun partido liberal e galeguista fundado por el mesmo en 2009: Converxencia 21. "Sempre prefiro liderar algo novo, por pequeno que sexa, que integrarme como subordinado en algo máis grande", explica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta