Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/11/2020 | Actualizada ás 19:36
O Comité Intercentros do persoal laboral da Xunta denunciou falta de persoal nos diferentes comedores de centros educativos da Xunta dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
Nun comunicado, indica que Educación anunciou o reforzo de perosnal de limpeza que, "aínda que se fixo efectivo en parte, segue sendo insuficiente". "Máis grave é", engade, a situación do persoal nas cociñas, onde "nin tan sequera se prevé o imprescindible reforzo de persoal".
"A triste solución que estableceu (a Xunta) no seu momento foi un incremento insuficiente do persoal colaborador que participa de forma voluntaria na atención ao alumnado durante o servizo de comedor", engadiron, para agregar que este incremento "non resolve os problemas de escaseza de persoal de cociña".
Non en balde, lembran que, debido ao contexto de pandemia, nos centros de ensino fíxanse quendas para o comedor e incídese no elevado número de tarefas que ten que asumir o persoal de cociña.
De feito, o comité sostén que hai "comedores escolares onde un só rabajdor ten que asumir a tarefa de elaborar a comida para 73 comensais, así como a limpeza das instalacións de comedor e cociña, e a desinfección do mesmo entre quendas".
"NON ENTENDEMOS ESTA DENUNCIA XENÉRICA"
A Consellería defendeu que o persoal de cociña para os comedores escolares fíxase "en función do número de comensais seguindo o establecido na normativa de comedores".
"Por tanto, non entendemos esta denuncia xenérica xa que a Consellería, en canto ten constancia de que non se cumpre coa normativa nalgún centro, pon en marcha o procedemento para solucionalo", trasladou o departamento autonómico.
Engade que, ademais do establecido na normativa, no presente curso a Consellería aceptou absolutamente todas as peticións de reforzo de monitores (comedores de xestión indirecta) e de colaboradores (para os de xestión directa) recibidas por parte dos colexios.
Para iso, remarca que habilitou unha partida de 1,7 millóns de euros adicional, "co fin de reforzar o servizo de comedor xestionado pola Xuna".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.