Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 17/11/2020 | Actualizada ás 12:01
O festival de contidos dixitais Carballo Interplay acolle o xoves, día 19, ás 22 horas, a estrea da primeira webserie interactiva en galego. Trátase, segundo informa, de Amnesia 3.0, proxecto gañador do premio á produción de proxecto convocado polo propio festival o ano pasado.
A estrea será a través da rede, cun coloquio posterior coas creadoras Irene Pin, Iria Iglesias e Natalia Porca. Desta proposta, explica que se trata dunha miniserie de tres capítulos, que conta coa colaboración de Monti Castiñeiras, Sabela Arán e Isabel Naveira.
Respecto deste evento, a organización subliña que "constitúe un fito dentro da ficción dixital galega" ao ofrecer a posibilidade de que o espectador se achegue á historia "por un ou outro itinerario que o mesmo poderá escoller".
En concreto, avanza que "nos momentos en que os personaxes se cruzan" o espectador poderá "seguir a un ou outro" e , segundo o que escolla, "verán intencións ou accións que se cadra perciben doutro xeito".
Trátase dunha serie escrita e dirixida por Irene Pin, producida por Natalia Porca e Cristela Torres. A interactividade está coordinada por Iria Igrexas, tamén autora da banda sonora orixinal. Xunto a ela, nos efectos especiais, está Rocío López, tamén a cargo da dirección de arte. A dirección de fotografía a firma Andry Milán.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.