Meirás e Cornide, por que a familia Franco é intocable case cincuenta anos despois da morte do ditador?

Esta é a historia dun expolio realizado desde unha posición de forza. GC fala con varios historiadores que acreditan que as iniciativas e sentencias para a devolución do Pazo de Meirás e Casa Cornide ao dominio público demostran son froito do golpe de estado do 1936. Pasados 45 anos da morte de Franco, hai moitas cuestións por resolver en relación á familia do ditador e de moitas das súas posesións.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 18/11/2020 | Actualizada ás 22:04

Comparte esta noticia

A restauración como ben público do pazo de Meirás e a casa Cornide será un paso importante de cara a recuperación ou restauración da memoria histórica, segundo os historiadores e investigadores que traballaron arredor deste tema. Porque, aínda pasadas máis de catro décadas da morte de Franco, a inviolabilidade da súa figura e dos seus descendentes foi unha constante durante estas últimas décadas.

Unha persoa sostén un cartel onde se pode ler 'Fóra okupas' durante unha marcha cívica para pedir a devolución da Casa Cornide. M. Dylan - Europa Press
Unha persoa sostén un cartel onde se pode ler 'Fóra okupas' durante unha marcha cívica para pedir a devolución da Casa Cornide. M. Dylan - Europa Press

Tanto é así, que todas as iniciativas presentadas desde os anos 80 encamiñadas á investigación de crimes do franquismo, así como investigación e inventario das posesións desta familia, bateron con forza contra obstáculos e silencios administrativos e xudiciais. Nin siquera a Lei de Memoria Histórica impulsada por Rodríguez Zapatero foi abondo para apurar accións legais contra o “relato” da apropiación de inmobles e propiedades que acabaron dentro do patrimonio familiar dos Franco.

PAZO DE MEIRÁS, UN RELATO, UN “REGALIÑO”

A “historia oficial” e que permanecía na memoria da xente era “o pazo foi un regalo” da Coruña aos Franco “ata que comezamos a informar dos descontos de nóminas, quedar marcado por non entregar diñeiro para colecta” sinala o historiador Manuel Monge autor de Os restos do franquismo en Galiza. Así en 1938, as elites da Coruña, para congraciarse con Franco, deciden entregar o pazo ao ditador. Entre esas elites estaban Pedro Barrié de la Maza, Alfonso Molina e Sergio Peñamaría. O obxectivo era que Franco pasase o verán perto da Coruña e eles así verían consolidado o seu poder e influencia.

Ademais, propiedades de veciños foron tomadas pola forza para ampliar o perímetro da propiedade. Para a formalizar isto, asínase unha escritura de compra-venda entre a herdeira de Emilia Pardo-Bazán e  a Junta Provincial Pro-Pazo del Caudillo, por 400.000 pesetas. “No documento xa figuraba a intención de doarllo ao xefe do Estado” di Manuel Pérez, coautor con Carlos Babío, do libro Meirás. Un pazo, un caudillo, un expolio.

Acción reivindicativa ante o pazo de Meirás. CEDIDA
Acción reivindicativa ante o pazo de Meirás. CEDIDA

En 1941 Franco quere que o pazo sexa propiedade particular súa. “Crean unha nova escritura de compra-venda onde a mesma persoa que o vendeu volve vendelo, agora a Franco” di Pérez, “unha venda fraudulenta”. Aínda así, foi o Estado durante a ditadura quen levou todo o mantemento e coidados do pazo.

CASA CORNIDE, O CAPRICHO DE CARMEN POLO

A Casa Cornide foi mercada no seu momento polo ministerio de Educación y Ciencia, a través da Dirección General de Cultura, á familia Cornide. “Usouse como edificio cultural, a xente da cidade vella dicía que se proxectaban películas no “Local dos Tomasinos” os domingos” di Manuel Monge.

Durante o franquismo, Carmen Polo “encaprichouse coa casa porque ía á misa á Colexiata na mesma rúa e preguntou de quen era esa casa tan bonita” sinala Monge. Desde o Concello da Coruña estiveron dous anos a ver como facían. “A primeira saída era regalarlla a Franco, mais iso sería escandaloso”.

“O que fixeron foi finxir unha poxa”. A dita poxa presentáronse Barrié e o xefe do Movimiento na Coruña. A casa levouna Barrié por 300.000 pesetas, e “automaticamente” o Concello esa mesma tarde acorda que esa propiedade era de Barrié. Despois o mesmo Barrié inscribe a casa a nome de Carme Polo, mais nas escrituras figura que lla venderon a Carmen Polo por 25.000 pesetas, relata Manuel Monge.

A permuta sobre esta casa era que o Concello a cambio recibía uns terreos en San Roque de Fóra, onde estivo por exemplo a Escola de Náutica.  “Quen xogou un papel moi importante foi Sergio Peñamaría de Llano”.

O CAMIÑO DA TRANSICIÓN ESTABA CHEO DE OBSTÁCULOS

“As elites do franquismo entraban e saían de Meirás e, a pesar da morte do dictador, a súa familia considerábase impune” di Manuel Pérez. Isto fixo que desde 1975 ata o día de hoxe os Franco puidesen entrar e saír de Meirás e o mesmo de Casa Cornide. Mesmo consolidada a democracia, as iniciativas para actuar sobre estes inmobles quedaron “paralizadas”.

Por que durante décadas se pasou por alto o sucedido con Cornide e Meirás? “Juan Carlos I, estivo sempre agradecido por quen o puxo como rei. Concedeulles os títulos de Ducado de Franco e Señorío de Meirás” sinala Manuel Monge. “A familia Franco sempre estivo protexida, a viúva, Carmen Polo, cobraba máis que o  presidente do Goberno”.

Monge relata que xa en 1983 Esquerda Galega no Concello da Coruña pedira que Meirás pasase a propiedade pública. O voto en contra de AP (agora PP) paralizou a iniciativa. Á parte disto, a procura da información para dar coas probas de que a “cesións” foran froito de manobras desde a elite coruñesa non foi doada.

“A documentación estaba esparexida en arquivos militares, no arquivo provincial da Coruña e noutros casos, a documentación aínda segue restrinxida ao público” di Pérez. “A Transición consolidou a posición de moitas persoas relacionadas co réxime franquista”. Aínda así, ata 1990 o Goberno aínda se fixo cargo da seguridade de Meirás e tamén se fan obras de restauración logo dun incendio en 1978.

A partir de 2005 comezan as marchas sobre o pazo de Meirás, as reclamacións sobre a Casa Cornide e a partir de aí, os Franco tamén retoman a actividade a prol de preservar o que ven como seu. “Os Franco recibiron multas simbólicas por non abrir o pazo os días sinalados polo xulgado” relata Pérez. “A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña enviamos escritos ao PSOE e non dixeron nada” lembra Monge.

A día de hoxe, o xulgado prohibiu aos Franco mover pezas do interior do pazo de Meirás. Mesmo houbo conversas entre institucións como a RAG e a Xunta para que a biblioteca de Pardo-Bazán quede en Galicia. Isto porque a Xunta é quen ten competencias sobre cuestións de patrimonio.

“Feijóo sube ao carro a última hora, cando durante décadas o PP se opoñía á devolución” apunta Manuel Monge. “Hai que recordar a Feijóo en que partido está porque non quere velo, a Fundación Francisco Franco ten doantes ligados ao PP”. Manuel Monge insiste en que desde o PSOE tamén gardan silencio.

Juan Carlos de Borbón e Francisco Franco
Juan Carlos de Borbón e Francisco Franco | Fonte: EFE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Moine

Tardárom-se mais de 40 ano da morte do tirano-genocida para começar a exigir a devoluçom do roubado, porque tanto o Paço de Meiras como a casa Cornide fôrom roubadas. Quando as sacas para dar o “paseillo” eram realizadas de cotio, quem era o “guapo” que lhe fazia frente aos desejos da família do satrápa assassino. Agás, de alguns comunistas, e estavam mais para a luita política que para outra cousa; ninguém se atrevia a levar-lhe a contra ao carrasco de Franco, e para mais “inri” a eireja católica sendo uns dos piares do regime e beneficiada do mesmo.

1 anonimo

Pois non, moi " intocable" non debe ser porque a condenaron a devolver Meirás. Dase por probada unha afirmación ( A familia de Franco é intocable) non demostrada.