Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 19/11/2020 | Actualizada ás 13:39
A tempada de lobos mariños, ou focas, vai de finais de ano a marzo do ano seguinte, é por iso que, coa detección do primeiro lobo mariño cicento (Halichoerus grypus) na praia de Vilarrube, o pasado domingo, a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) considera que "a tempada actual 2020-2021 acaba de empezar, adiantándose á previsión doutros anos".
Durante este verán, unha femia de lobo mariño cincento, á que lle puxeron o nome de 'Doqui' en Caión, "pasou, por primeira vez na historia coñecida, a estación estival e o outono nas nosas costas", informa a Cemma.
O domingo 15 de setembro foi rexistrado o primeiro lobo mariño da tempada na costa de Valdoviño, na ría de Cedeira. Apareceu na praia de Vilarrube, sendo fotografado, o que permitiu saber que non se trataba do lobo mariño 'Doqui', senón dun cachorro macho de poucas semanas de lobo mariño cincento.
"Estes cachorros proceden das colonias do norte de Europa, posiblemente de Irlanda, son moi inexpertos e o cansazo que traen fai que baixen ás praias a descansar ou pasar a noite", explican desde a Cemma.
COMO ACTUAR
Aínda que pensemos que nunca nos imos atopar cun lobo mariño, desde a Cemma recordan que "as posibilidades de atopalos nas praias entre Fisterra e Ribadeo, durante a tempada invernal, non é tan rara". Por iso, ofrecen unha serie de consellos aos cidadáns.
O primeiro, din, é saber que estes animais chegan directamente dende as colonias de cría do norte e, polo tanto, están moi cansos, motivo polo cal poden baixar a terra a descansar e botar unha soneca.
Unha vez vistos, os expertos piden non achegarse a eles para evitar molestalos ou provocar unha resposta agresiva, mantendo unha distancia prudente, xa que poden responder mesmo mordendo.
Outro consello é non bloquearlles a vía de fuxida cara ao mar, deixándolles unha alternativa por se queren e poden marchar.
Se levamos cans, deben ser atados e procurar que non se acheguen aos lobos mariños.
Os expertos tamén piden manter silencio, xa que os e barullo provocan que estes animais entren en estado de alerta.
E o máis importante, avisar canto antes ao 112 e colaborar coa Rede de Varamentos nas indicacións.
Desde a Cemma subliñan que "non todos os animais precisan ser recollidos, só aqueles feridos ou enfermos, polo tanto persisten en ficar no mesmo lugar durante días".
"Temos que ter en conta que son cachorros de meses de vida e, polo tanto, sen medo ás novidades, mais inexpertos, que moitas veces nin saben comportarse diante das adversidades nin alimentarse ben".
A Cemma ten instalada unha Unidade de Coidados Intensivos por se é necesario ingresar algún lobo mariño en medio artificial controlado para rehabilitación.
As Unidades Móbiles da Cemma manteñen unha atención permanente dos avisos de varamentos para o caso de asistencia inmediata fronte a calquera eventualidade. Para iso conta co número activo 24 horas, o 686 98 90 08, e coa conexión directa co teléfono de emerxencias 112 SOS Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.