O TSXG condena á Xunta por "discriminar" a milleiros de sanitarios co beneplácito dos sindicatos

O Tribunal obrigará á Xunta a tratar en igualdade de condicións a sanitarios interinos, eventuais e de substitución, que ata o momento non podían progresar en dereitos e soldo como o resto dos profesionais.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/11/2020 | Actualizada ás 08:25

Comparte esta noticia

Novo golpe legal á xestión da sanidade pública por parte da Xunta de Galicia. Segundo anuncia o sindicato Prosagap, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de deixar sen efecto o Acordo Sobre a Carreira profesional do Sergas, un documento datado en 2018 que regula o ascenso nos distintos graos de remuneración e dereitos laborais aos que teñen dereito os empregados públicos.

Un sanitario con EPI. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo
Un sanitario con EPI. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo

A formación sindical relata que denunciou o acordo, asinado pola Xunta e as organizacións sindicais CIG, UGT , SATSE , CSIF e  CEMS, porque este “impedía o acceso á carreira profesional a milleiros de traballadoras e traballadores”. Segundo as mesmas fontes, esta circunstancia tiña que ver “unicamente co tipo de vínculo que mantiñan coa administración”.

En concreto, e de acordo con Prosagap, o acordo que vén de quedar sen efecto deixaba ao persoal de interinidade, eventual e de substitución sen posibilidade de acumular dereitos laborais. O Sergas xa recibiu duras críticas por contar cun ampla proporción de sanitarios eventuais no seu cadro de persoal, unha circunstancia que, de acordo con Prosagap, era aproveitada para restrinxir os dereitos destas persoas.

“Máis de dous anos despois”, a sentencia da Sala do Contencioso administrativo do TSXG dá a razón ao sindicato ao recoñecer “diferencias de trato baseadas, unicamente, na duración do vínculo co SERGAS”, sen existir “outra razón que xustifique a exclusión de persoal substituto ou eventual”. O TSXG considera este persoal, “desde o momento en que é susceptible de ser avaliado conforme á calidade do seu servizo”, “hase de concluír que concorre a discriminación que se denuncia”.

En consecuencia, destaca o sindicato, o Tribunal declara con carácter xeral nulos todos os preceptos que exclúen ao referido persoal temporal. O fallo condena así á Administración para incluír ao persoal con vínculo temporal de interinidade, eventual e de substitución, en todas as cláusulas do Acordo, Orde e Resolución impugnadas, unha obrigación que vén de espertar a “satisfacción” de Prosagap.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Daquela xa dixemos que tiñamos demasiado COLABORACIONISTA dentro do SERGAS ! Cando vimos aos xefes de servizo de Atención Primaria na rúa pensamos que por fin a cousa ía ter unha solución rápida... Dignidade Atención Primaria https://youtu.be/e85k0DfROJk Pero se todo sigue igual ou peor a pregunta segue a ser como logra o Sergas tanto colaboracionista disposto a seguir mantendo esta situación (?) Semella que o inimigo está dentro do sistema ! Do contrario non se comprende que siga a existir esta escravitude e ninguén faga nada para plantar cara oa Sergas (?) // Hoxe sabemos que os colaboracistas teñen nomes : CIG, UGT , SATSE , CSIF e CEMS Non está mal saber onde temos que mirar para comprender as causas do desmantelamento da Sanidade Pública en Galicia !!!