Educación defende o seu plan tralas "irregularidades" detectadas nos centros por Inspección de Traballo

Inspección de Traballo formulou varios avisos relativos a falta de actualización de medidas, ausencia de identificación de tarefas de maior risco ou insuficiente adaptación de persoal vulnerable aos postos de traballo que procedan.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/11/2020 | Actualizada ás 16:49

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, asegurou que o departamento autonómico avaliará os avisos trasladados pola Inspección de Traballo en materia de protección da saúde dos traballadores dos colexios fronte á pandemia, aínda que defendeu o marco implantado pola Xunta e desenvolvido en cada centro mediante os plans de continxencia.

Nun escrito con data do 2 de novembro --ao que tivo acceso Europa Press--, tras denuncias formuladas pola CIG, Inspección de Traballo formula varios avisos á Consellería de Educación relativos a cuestións como: falta de actualización de medidas a protocolos polo covid, ausencia de identificación de tarefas de maior risco, insuficiente adaptación de persoal vulnerable aos postos de traballo que procedan, así como "incongruencias" sobre os EPI (equipos de protección individual) a empregar con persoas con síntomas compatibles de covid.

"Cada centro elabora o seu plan de continxencia e aí están todos eses aspectos", defendeu Román Rodríguez a preguntas dos medios. Estes plans, engadiu, desenvolven o marco xeral deseñado pola Consellería, que tamén "remitiu fondos" ás escolas para que poidan comprar os EPIS e equipos necesarios para afrontar a pandemia.

Inspección de Traballo instou á Xunta a emendar as "irregularidades constatadas" e citou á Consellería de Educación o próximo 16 de decembro para que xustifique as correccións realizadas.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o de Sanidade, Julio García Comesaña, visitan o covid-auto escola do Chuac. MONCHO FONTES
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o de Sanidade, Julio García Comesaña, visitan o covid-auto escola do Chuac. MONCHO FONTES

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta