Por Galicia Confidencial | Mazaricos | 01/12/2020 | Actualizada ás 21:02
Un novo atentado ecolóxico nunha fermosa paisaxe galega. Desta volta, na devesa de Chacín, en Santa Baia de Chacín, en Mazaricos. Alí unha empresa eléctrica está cortando unha carballeira, entre eles exemplares centenarios, para instalar grandes postes de alta tensión.
Entidades ecoloxistas como Petón do Lobo e a Plataforma Quijote Outes denuncian en declaracións a GC un novo desastre ecolóxico e destacan a importante desta fraga, con exemplares que forman un dos poucos bosques atlánticos que hai na provincia da Coruña.
A corta de árbores está tendo lugar, ademais, ao carón dunha igrexa e moi preto da fervenza de Chacín, unha das grandes fervenzas da provincia. “Isto é un atentado en toda regra”, denuncia rober da Plataforma Quijote Outes que lembra que as carballeiras son especies de interés comunitario protexidas polo artigo 2 da Directiva Europea de Hábitats 92/43.
Esta fraga atópase entre os concellos de Outes e Mazaricos. No primeiro, onde goberna unha marea local, BNG e PSdeG presentaron unha inciativa para protexer toda esta zona. No segundo, onde goberna o Bloque, aínda non se presentou ningunha iniciativa ao respecto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.