Por Europa Press / Redacción | Compostela | 03/12/2020 | Actualizada ás 12:34
Unidas Podemos, ERC, Bildu, PNV, Junts, PDeCAT, Máis País, Compromís, CUP e BNG rexistraron conxuntamente unha proposición non de lei (PNL) que insta a pór fin á "imposición legal exclusiva do castelán na normativa estatal" e que se permita o uso das diferentes linguas do país en institucións nacionais con independencia da súa localización.
Entre elas, citan as Cortes Xerais (Congreso e Senado), así como no Tribunal Constitucional, o Supremo e a Audiencia Nacional, a Axencia Tributaria, a Seguridade Social e empresas públicas como Radio Televisión Española.
A iniciativa parlamentaria para o seu debate no Pleno do Congreso, á que tivo acceso Europa Press, tamén esixe que se garanta o deber de coñecer a lingua propia dos funcionarios que presten servizo nos devanditos territorios.
Ademais, estas formacións reclaman que se apoien as reformas estatutarias para que se recoñeza a oficialidade das linguas propias do país que aínda non obtiveron esa condición, como é o caso de Asturias.
Os dez grupos asinantes da iniciativa explican na súa PNL que España debe cumprir cos acordos internacionais que ratificou, como a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritaria, así como a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos ou o Protocolo para a Garantía dos Dereitos Lingüísticos.
ACABAR COA "DISCRIMINACIÓN LINGÜÍSTICA"
Nesta liña, exhortan ao Congreso para que se garanta a diversidade lingüística e o pluralismo, dado que o Estado "debe ser excluínte con todas as discriminacións, sexa cal for a súa razón, tamén a lingüística".
"Este Estado, que parte dunha tradición monolingüe na administración central, debe ser consciente da situación de discriminación á que foron sometidos os habitantes destas linguas e xerar políticas activas da recuperación da súa dignidade e autoestima que permitan o exercicio efectivo dos seus dereitos lingüísticos", razoa a proposición.
A portavoz adxunta de Unidas Podemos, Sofía Castañón, destacou que esta PNL busca "a defensa dos dereitos dos falantes, das distintas linguas do Estado", pois son dereitos fundamentais.
A MESA PIDE ACABAR CON "RACISMO LINGÜÍSTICO"
Pola súa banda, nun comunicado remitido aos medios este xoves, A Mesa Pola Normalización Lingüística aplaude a iniciativa presentada no Congreso pois considera que supón "un paso pequeno pero de gran relavancia para que o Estado empezo a tratar con igualdade a toda a cidadanía".
Así as cousas, o presidente da entidade, Marcos Maceira, apela a que, no caso de que a proposición salga adiante, a súa aprobación teña efectos "prácticos" e permita igualdade de trato "a todos os niveis, nos distintos territorios". "O racismo lingüístico non pode ter o amparo do BOE", engadiu Maceira.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.