Realizar un balance do sucedido nos dous anos da lexislatura estatal resulta unha tarefa complicada pola conxunción de tres circunstancias singulares: a carencia de precedentes -no sistema político vixente dende 1977- na existencia e funcionamento dun goberno de coalición no ámbito da Administración central do Estado; as dificultades para manter a maioría parlamentaria que permitiu a investidura de Pedro Sánchez no mes de Xaneiro de 2020 e, -por último pero non o menos importante- o imprevisto desenvolvemento da pandemia do coronavirus a partir de marzo de 2020.