Dous anos do goberno de coalición PSOE-UP

Realizar un balance do sucedido nos dous anos da lexislatura estatal resulta unha tarefa complicada pola conxunción de tres circunstancias singulares: a carencia de precedentes -no sistema político vixente dende 1977- na existencia e funcionamento dun goberno de coalición no ámbito da Administración central do Estado; as dificultades para manter a maioría parlamentaria que permitiu a investidura de Pedro Sánchez no mes de Xaneiro de 2020 e, -por último pero non o menos importante- o imprevisto desenvolvemento da pandemia do coronavirus a partir de marzo de 2020.

Por Xesús Veiga | Santiago | 24/01/2022

Comparte esta noticia

A conformación da actual coalición gobernamental foi consecuencia do cambio substancial no mapa parlamentario operado a partir das citas electorais dos anos 2015 e 2016. O modelo clásico no bipartidismo reinante nas décadas anteriores -maiorías parlamentares absolutas de PSOE e PP ou completadas, no seu caso, con pactos de gobernabilidade con CiU e PNV- resultou inviábel por mor do debilitamento dos partidos maioritarios e o xurdimento de novas formacións -Podemos, Ciudadanos e Vox- ou polo maior peso específico doutras xa existentes (ERC e Bildu). O panorama resultante só ofrecía dúas saídas: promover un acordo de goberno entre PSOE e PP -seguindo o exemplo do sucedido en Alemaña mediante a grande coalición encabezada por Merkel- ou establecer un pacto entre PSOE e UP co aval dos grupos nacionalistas e rexionalistas. As resistencias exhibidas por Pedro Sánchez durante varios meses foron ilustrativas dos atrancos que ía ter que superar o novo goberno. No seo do Partido Socialista visibilizouse unha división entre un sector -minoritario en número pero con importantes apoios na vella garda dos dirixentes históricos- partidario de priorizar a sintonía con C’s ou co PP e o grupo pilotado por Sánchez, disposto a transitar por un vieiro mais acorde coa proclamada adhesión aos idearios socialdemócratas.
 
A aparición da COVID alterou as previsións e as prioridades contidas no pacto de goberno entre PSOE e UP. No canto de propiciar maiores consensos coas forzas da dereita para facer fronte aos novos e urxentes problemas que se colocaban diante dos xestores públicos, a crise sanitaria foi utilizada para desgastar, sen tregua, ao executivo estatal. A carencia dunha cultura de colaboración federal entre as administracións que posuen competencias compartidas ou concomitantes completou un cadro pouco favorábel ao prestixio da acción política e moi propicio ao desenvolvemento de dinámicas de populismo destrutivo.
 
A viabilidade e consolidación dun goberno de coalición require, necesariamente, un mínimo compromiso programático que permita acometer as principais demandas daquela parte do corpo electoral que posibilitou o nacemento de semellante alternativa. Mais tamén esixe -como condición suficiente- unha xestión acertada das diferenzas entre os socios de tal goberno. Un acordo debuxa un territorio de consensos pero non elimina todas as diverxencias e, sobre todo, non solventa automaticamente as inercias vinculadas ás tradicións políticas das forzas coaligadas. Combinar adecuadamente a unidade na acción diaria coa preservación da identidade de cada quen é a chave para asegurar a continuidade desa fórmula de goberno.
 
Aínda que a pandemia eclipsou case todo o demais, PSOE e UP tiveron que enfrontar unha situación de minoría parlamentaria que esixía tecer pactos coas formacións nacionalistas de Cataluña e Euskadi -ostentadoras, como é sabido, da maior parte da representación dos seus territorios no Congreso- para asegurar a estabilidade política e neutralizar a belixerancia opositora de PP, Vox e C’s. O sucedido co episodio dos indultos concedidos aos dirixentes independentistas ilustra a dimensión das dificultades para transitar por unha nova vía no contencioso catalán. Ademais das divisións constatadas entre ERC e JxC, as análises demoscópicas   demostraron que esa medida conciliadora contaba cunha importante oposición en sectores sociais que votan habitualmente ao Partido Socialista en diversos territorios do Estado. Todos os actores políticos involucrados son conscientes de que este asunto vai seguir ocupando un lugar preferente nas axendas que se elaboren para a nova lexislatura. E xa sabemos que unha eventual maioría dos partidos de Casado e Abascal arruinaría calquera posibilidade de pacto para saír do labirinto no que se atopa a vida política en Cataluña.
 
Cando faltan dous anos -como moito- para o remate do actual mandato parlamentario, PSOE e UP poden analizar a experiencia do goberno conxunto de PSdG e BNG entre 2005 e 2009 para comprobar -por riba das evidentes distancias temporais e de contexto xeral- os efectos nocivos da excesiva confrontación entre os socios gobernamentais. Mutualizar os acertos e minimizar os erros derivados de pretensións hexemonistas inxustificadas resultará fundamental para que o novo Parlamento estatal non contemple o feito inédito dunha maioría construída co apoio dunha formación tan perigosa como Vox.

Pedro Sánchez e Pablo Iglesias abrázanse no Congreso dos Deputados despois de asinar o principio de acordo para compartir un goberno de coalición
Pedro Sánchez e Pablo Iglesias abrázanse no Congreso dos Deputados despois de asinar o principio de acordo para compartir un goberno de coalición | Fonte: Jesús Hellín - Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.