Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/12/2020 | Actualizada ás 09:00
“Un ano máis a Asociación Profesional de Bombeiros e Bombeiras forestais de Galicia quere manifestar o rexeitamento á decisión da Consellería do Medio Rural de interromper o período de contratación de parte do seu persoal”. Con estas palabras arrinca o comunicado de APROPIGA no que a asociación de bombeiros forestais carga contra un modelo de xestión que a Xunta leva mantendo nos últimos anos.
No canto de establecer contratos estendidos ao longo dos 12 meses do ano, a xestión da Consellería de Medio Rural oriéntanse a ampliar os equipos de loita contra o lume na tempada de maior risco. Estes cadros de persoal son logo reducidos cando, coa chegada da tempada fría, descende novamente o potencial risco de incendio no monte galego.
Desta vez, o limiar no que “preto de mil” de profesionais forestais quedaron na rúa foi o 10 de novembro. Nesta data, explican dende APROPIGA, “foron despedidos preto de mil traballadores e traballadoras que prestan os seus servizos durante 6 meses ao ano”. Uns días máis tarde, na xornada do 30, foi a quenda do persoal que traballa 9 meses, que tamén viu interrompido o seu período de contratación.
“POLÍTICAS ERRADAS”
En total, segundo cálculos da asociación, foron “preto de dúas mil persoas” de todas as categorías profesionais –de bombeiros a condutores— as que resultaron “vítimas” das “políticas erradas” da Consellería do Medio Rural. Por riba, a asociación carga contra esta mesma rama do goberno de Feijóo por “paralizar” unha cobertura de prazas que está a deixar a persoal interino tamén na rúa.
“Dende APROPIGA non entendemos por que se segue mantendo un colectivo precarizado, baseado na temporalidade e na improvisación”, explican dende a plataforma. “O persoal que xoga a vida loitando contra o lume ou, como ocorreu este ano, apoiando a loita contra a pandemia”, valoran, “vese obrigado a buscar outro medio de vida ou recorre, ano sí e ano tamén, ás axudas públicas”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.