Grupos ecoloxistas piden o peche definitivo das granxas de visións en Galicia ante o risco de transmisión da COVID

ADEGA e WWF enviaron unha carta ao conselleiro de Medio Rural onde o cualifican como o responsable da falta de control sobre os criadeiros de visón.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 04/12/2020 | Actualizada ás 15:20

Comparte esta noticia

As asociacións ADEGA e o Fondo Mundial para a Natureza (WWF, coas siglas en inglés) enviaron unha carta ao conselleiro de Medio Rural, Xosé González, coa que piden o control exhaustivo das 26 granxas de visón americano asentadas en Galicia e o seu peche definitivo. Sinalan o risco destas instalacións despois da aparición de gromos en criadeiros de 10 países.

visóns engaiolados
visóns engaiolados | Fonte: mascoteros

Dentro do mesmo documento, acúsase ao departamento que dirixe Xosé González, e por extensión á Xunta de Galicia, da falta de control sobre os criadeiros de visón instalados na nosa comunidade. A misiva tamén fai responsable a González da ausencia de vixiancia e control ante posibles brotes de COVID-19. Isto último, engaden, pode atrasar a detección de infeccións tanto en animais como en persoal traballador das instalacións.

As dúas organizacións asinantes lamentan que en Galicia “só se fixo un seguimento pasivo cando existen sospeitas de posibles casos”. Dito seguimento, segundo explican ADEGA e WWF, foi a realización de análises “só en 4 das 26 granxas de visóns en funcionamento, segundo recoñece a propia Xunta de Galicia” en resposta a unha solicitude de ADEGA, din desde a organización.

Finalmente, piden accións proactivas como as efectuadas en Países Baixos, con análises periódicas de traballadores e animais (aínda que non haxa sintomatoloxía), xunto a realización de autopsias en animais mortos. Todo isto baseado nas recomendacións do Centro Europeo de Prevención e Control de Enfermidades (ECDC), que recoñece o risco das granxas de visón como reservorio de coronavirus, coa posibilidade de contaxios e mutacións do virus.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta