Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/12/2020 | Actualizada ás 16:24
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou este sábado o "amplo legado" do autor Ricardo Carvalho Calero, figura homenaxeada no Día das Letras Galegas do 2020, "afastado de calquera tentación doctrinaria" e que "axudou a criar galegos libres que propician unha cultura e unha lingua libres".
Así o manifestou o titular do Goberno autonómico durante un discurso pronunciado ao finalizar o pleno extraordinario da Real Academia Galega (RAG) en homenaxe ao autor ferrolán. Un evento celebrado este sábado 12 de decembro --case sete meses despois da súa data habitual, o 17 de maio-- no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) tras atrasarse en dúas ocasións debido á incidencia da pandemia.
Na súa intervención, Feijóo explicou que Carvalho Calero, que abrazou as teses lusófonas, reparou "na Europa máis próxima representada por Portugal": "Loita por un reencontro co pobo irmán do que nos afastan aventurados acontecementos e ao que nos achegan afectos nunca desfallecidos".
"Máis aló de controversias eruditas sobre os formatos ortográficos, a intuición de don Ricardo anticípase con acerto aos nosos tempos", subliñou a continuación.
ALUMNOS E DISCÍPULOS
Como mostra do "amplo legado" de Carvalho Calero, Feijóo mencionou "os seus estudos, a súa poesía, os seus ensaios, a súa novelística, a súa capacidade oratoria" e a "herdanza viva" que deixa nos seus alumnos e discípulos, moitos deles membros actuais da RAG como o seu presidente, Víctor F. Freixanes.
O presidente da Xunta parouse na biografía do autor ferrolán para destacar que foi "primeiro en moitas cousas", como o demostra que ocupou a primeira cátedra de lingua e literatura galegas, ademais de ser un "adiantado dos vínculos" entre Portugal e Galicia.
Uns vínculos que na actualidade, en palabras de Feijóo, ven "reforzados grazas á pertenza ao proxecto europeo" e ao "feliz reflexo legal" que é a coñecida como Lei Paz Andrade de 2014, que busca aproveitar os "vínculos coa lusofonía" e permite "que haxa máis de 4.000 alumnos de portugués" na Comunidade galega.
"Está vixente ademais un memorando de entendemento coa República Portuguesa e cabe lembrar igualmente que, a instancias de Galicia, España ingresou na Comunidade de Países de Lingua Portuguesa", engadiu o presidente da Xunta.
A TRANSMISIÓN INTERGENERACIONAL COMO "EIXO"
Así mesmo, para "seguir esa senda", a Xunta ten "como eixo" da Lexislatura que acaba de empezar "a potenciación da transmisión intergeneracional do galego no seo das familias e a vivencia da lingua na mocidade".
Feijóo tamén dedicou parte do seu discurso ás "circunstancias adversas" que "condicionan" a vida da sociedade como a actual pandemia do coronavirus: "Proba disto é a configuración deste acto e que esteamos a celebrar o tradicional 17 de maio nun 12 de decembro".
De feito, lembrou que o propio Carvalho Calero "sufriu na súa contorna familiar o golpe dunha pandemia", a da 'gripe española' de 1918, que terminou coa vida da súa nai.
Neste contexto, dixo que "non é un bo antídoto" cancelar eventos como o deste sábado no Paraninfo da USC, porque "os pobos necesitan nesta encrucillada dunha extraordinaria forza interior que reside en sentimentos que se expresan con palabras".
"A celebración, por tanto, non é superflua nin imprescindible. Necesitamos, máis que nunca, proclamar que a nosa lingua nos proporciona unha forza adicional, unha unidade máis estreita, uns afectos máis intensos", proclamou Feijóo.
Ademais do propio presidente da Xunta, o pleno extraordinario da RAG contou coa presenza da filla de Carvalho Calero, María Vitoria Carvalho Calero, e de numerosas figuras da vida política, civil e cultural de Galicia, entre eles o presidente do Parlamento, Miguel Anxo Santalices; o reitor da USC, Antonio López; o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; a concelleira de Acción Cultural de Santiago, Mercedes Rosón; e, como representantes da oposición, a coordinadora da Executiva Nacional do BNG, Goretti Sanmartín, e o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero.
"UNHA FIGURA POLIÉDRICA"
Con carácter previo á sesión, ás portas da Facultade de Xeografía e Historia, Goretti Sanmartín definiu a Carvalho Calero como unha "figura poliédrica" e "magnífica", que axudou a "crear conciencia sociolingüística" e que foi autor de investigacións que son "referencia para todo o mundo" sobre a situación legal e social do idioma.
"Unha figura ademais que soubo crear paixón. El tiña paixón, realmente, polo que quería facer, e conseguiu que a xente, aínda tantísimos anos despois, teña os seus textos como referencia", engadiu, en declaracións aos medios.
No entanto, a coordinadora da Executiva Nacional do BNG e portavoz da formación no Concello de Santiago lamentou que, polas circunstancias da pandemia, a figura de Carvalho Calero "non puidese chegar ás aulas" este ano. Nas súas palabras, é "fundamental" que os adolescentes e os docentes coñezan a súa mensaxe para "reverter a substitución do galego polo español, que continúa producíndose hoxe en día".
CABALLERO PIDE "UN GRAN CONSENSO"
Pola súa banda, o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, puxo en valor "a importancia de defender" o idioma e "traballar por unha cooficialidade real" e por "un bilingüismo que non permita ningún retroceso no uso do galego.
Para iso, o socialista instou a "un gran consenso" no que a Xunta debe "traballar máis e mellor por potenciar" o idioma fronte a uns "retrocesos" que, tal e como lembrou Caballero, contou co reproche de "institucións académicas e das institucións europeas".
Así, a aposta do secretario xeral do PSdeG pasa por que "cada un en Galicia poida expresarse en castelán ou en galego", pero que o galego sexa "un patrimonio que queremos, unha lingua que sentimos, un valor para todos e para todas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.