Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/12/2020 | Actualizada ás 20:37
O sector escénico en Galicia conta desde este mes cunha guía de recomendacións fronte á covid-19 para a actividade específica, un documento acordado por consenso polo comité de saúde laboral do convenio de actores e actrices de Galicia.
En concreto, integran este órgano a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), os sindicatos CCOO, UGT e CIG como parte dos traballadores e a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas-Escena Galega e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
Nun comunicado remitido pola asociación e asinado por estas entidades, explican que o documento, aprobado finalmente o 16 de novembro tras diferentes sesións de análises e debate, inclúese a recomendación de que a acción preventiva inclúa a realización ao elenco artístico de cribados e/ou as probas necesarias para a detección da covid na forma e periodicidade determinadas polos servizos de prevención de riscos laborais.
As medidas e recomendacións xerais desta guía, segundo apuntan, deberán servir para orientar a redacción dos plans específicos de calquera empresa produtora que realice unha actividade escénica, e tamén para os que deban elaborarse para a produción, ensaio e exhibición dun espectáculo concreto.
Esta recomendación explícita sobre probas, indican, incumbe aos elencos artísticos, conformados por profesionais cunha especial exposición a riscos de contaxios, xa que no ámbito dos actores e actrices, así como bailaríns e bailarinas e profesionais do circo, polas particularidades dos seus oficios, resultan "dificilmente asumibles" as medidas básicas de protección, concretamente a chamada distancia social e o uso de máscara.
As entidades sinalan que a guía está suxeita a posibles actualizacións como consecuencia de futuras normativas que poidan aprobarse sobre medidas de protección e prevención ante a covid-19. Ademais, indican que, en todo caso, se remiten sempre ao cumprimento da normativa de seguridade e saúde laboral vixente, así como ás disposicións gobernamentais e sanitarias establecidas para evitar o contaxio do virus.
O texto consensuado tamén recolle que a produción do espectáculo, a dirección do mesmo e o seu persoal artístico detallarán de forma conxunta as condicións nas que se desenvolverá o espectáculo para que os servizos de prevención poidan realizar a súa avaliación e propor as medidas necesarias, todo iso tendo en conta diferentes variables como o momento do proceso, a distancia ou o tamaño do espazo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.