Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/01/2021 | Actualizada ás 22:00
Delgadiña da cintura
Durme comigo unha noite
xa verás como che para
Tiruliro matou á muller,
púxoa en cachos, levouna a vender
Todos pensabamos que era touciño
e era a muller do Chiviruchiño
A incomodidade que xeraba cantar coplas coma estas levaron a Branca Villares e ao seu alumnado a comezar un proceso de reflexión en torno á presenza da violencia contra as mulleres na tradición herdada que hoxe cantamos fóra do contexto onde naceu. Ela é intérprete e mestra de música tradicional en varias entidades da cidade de Lugo e da súa contorna, coñece coma a palma da súa man o cancioneiro da zona dos Ancares, e nestes lares foi onde prendeu a chama deste "proceso colectivo". Ao facérense conscientes desa incomodidade que sentían ao interpretar cantigas que normalizaban a violencia, as alumnas de 15 escolas de música, guiadas por Branca, abriron paso á discusión e botáronse a explorar novos camiños para os tempos de hoxe.
A chave, explica a mestra, non está na censura nin no silenciamento, senón en entender o contexto no que naceron estes cantos, e así, darlles o pouso necesario na súa interpretación ou mesmo improvisar letras acordes á. actualidade. A tradición, como proceso vivo que evoluciona canda nós, deixa múltiples portas abertas.
Hai catro anos que iniciades este proceso de revisión do cancioneiro tradicional. Cal foi a chispa que prendeu este labor colectivo?
Foi algo progresivo. Había cantigas que levabamos tempo cantando e que tiñan estrofas que non nos facían sentir cómodas, e esta era unha idea que se viña repetindo dende había tempo tanto a nivel individual coma colectivo. Hai cousa de catro anos propuxéronnos ao grupo de música que temos en Becerreá facer algo polo 25 de novembro. Xusto había pouco que mataran unha muller na zona... E a nosa cabeza fixo click. Dixemos: "Temos que falar disto, temos que ver que podemos facer desde o noso ámbito". Entón decidimos seleccionar unha serie de coplas que considerabamos que facían apoloxía da violencia machista e redactamos un argumentario ao redor de por que non estabamos dispostas a seguilas cantando. Montamos unha performance súper empoderante para nós, rompímolas en directo!
A día de hoxe non teriamos esa necesidade, porque a nosa visión sobre o tema tamén foi evolucionando, mais tratábase dun primeiro paso importante, supuxo revisar o noso cancioneiro. A partir de aí, pouco a pouco, decidín trasladar ese proceso de reflexión a outras aulas. É complexo pero moi bonito, porque esperta en nós moitos sentimentos e reaccións contraditorias. Logo envalentoneime e comecei a falar disto tamén noutros dous grupos nos que había homes. Empatizaron moito e foron moi respectuosos con todo o proceso. Hoxe incluso son eles quen chaman a atención sobre algunhas pezas!
"No cancioneiro vemos reflectida a violencia que sofren as mulleres desde que nacen ata que morren"
AS MULLERES NOS CANTOS TRADICIONAIS
De que falan estas cantigas que xeraban incomodidade en vós? Como aparecen representadas as mulleres?
As mulleres sofren a violencia desde que nacen ata que morren, e iso vémolo moi ben reflectido nas cantigas. Falan de abusos contra meniñas, contra mozas adolescentes, contra mulleres casadas, contra as vellas... O feito de ter determinados oficios como panadeiras, costureiras ou muiñeiras, ou o feito de andar moito fóra da casa, tamén facía que as mulleres se tiveran que enfrontar a murmurios e a críticas da aldea.
Daquela a violencia aparece ao longo de todo o ciclo vital dunha muller. Cambian os relatos duns momentos vitais a outros?
Os primeiros abusos veñen do entorno máis próximo. A pouco que rascamos no romanceiro vulgar aparecen cantares de meniñas que, antes de descubrir a súa sexualidade, xa sofren o acoso dun pai, dun irmán, dun primo...
Un día la niña sintió. / que el padre la miraba, / y riendo le decía / cada día estás más guapa. / Un día el infame padre llevado por la ilusión, / olvidando que es su hija le declaró la intención. / Si aceptas lo que te digo / pra ti todo el capital, / y si me dices que no / hoy lo vas a pasar mal
En canto se volvían mociñas, atopámonos versos que falan de propostas amorosas desiguais, de sometementos e abusos, onde as mulleres non estaban en posición de dicir que non.
Esta noite hei dir aló, /. terás as pernas lavadas; / heime de meter entre elas / anque sea a puñaladas.
Son habituais tamén as estrofas onde se pide prudencia ás mulleres, e este aviso para que teñan coidado adopta moitas veces forma de retrouso. Disto, o que me chirría é que nunca se lle di ao boticario ou ao muiñeiro que deixen de agredir. A quen se avisa é ás mulleres, porque pase o que pase, a culpa vai recaer sobre elas. E se a agresión se acababa sabendo no resto da aldea, estaban perdidas, ensuciábase o seu nome e o da súa casa.
Si vas á botica / non vaias sola, / mira que o boticario / gasta pistola.
A nós, cando cantabamos estas coplas, obsesionábanos perpetuar a idea de dominación. Se cantamos e normalizamos que as rapazas se teñen que coidar, seguimos socializando os homes nesa idea de control e as mulleres na idea de sumisión. Por iso dixemos: temos que sentar e falar disto.
"Non queremos deixar de cantar estas pezas ou censuralas, senón facérmonos conscientes do que estamos dicindo"
A IMPORTANCIA DO CONTEXTO
Ao longo desta reflexión chegades á conclusión de que a clave para comprender e xestionar estas cantigas está na súa contextualización. Como inflúe o cambio de entorno e de época na interpretación que hoxe se fai destas coplas?
Inflúe moitísimo, por iso o que pretendemos con este traballo é poñer en contexto. Paréceme moi inxusto, reducionista e burdo dicir que a musica tradicional é machista e punto, porque iso implica non entender os contextos nos que xorden as cantigas. Tratábase dunha sociedade rural do século pasado, os ámbitos onde nacían estas coplas eran locais e domésticos; e o seu consumo era rápido, porque había un montón de circunstancias nas que se cantaba dun xeito moi natural. Isto facía que o que se dixera, dalgunha maneira, perdese trascendencia.
Hoxe en día, nós cantamos a tradición herdada como suceso, collemos retallos dela e botámolos o día da festa, pero os nosos informantes, cando cantaban, nunca pensaban en elevalo á categoría de espectáculo. Non seleccionaban coplas de maneira aleatoria como facemos nós. En parte, o noso problema é que non entendemos a linguaxe que eles utilizaban.
Agora, o que pretendemos con esta reflexión non é deixar de cantar estas cancións nin censuralas, senón reflexionar ao redor do que estamos cantando e ser conscientes do que dicimos. Saber, por exemplo, que cando cantamos a 'Muiñada', de Fuxan os Ventos, por moito descaro que teña, estamos relatando un intento de violación.
"Non cantamos as nosas cousas, cantamos as cousas dos nosos devanceiros fóra de contexto; e isto ten que ver con que o proceso de transmisión non foi o natural"
Dalgún xeito, todo isto tamén ten que ver coa maneira en que entendemos a tradición, ben como foto fixa ou como algo que evoluciona cos tempos.
Cando estas coplas se cantaban non eran inamobibles, non eran o padre nuestro que se rezaba igual todos os días. Mais nós, agora, non estamos utilizando esa capacidade comunicativa da música. Non cantamos as nosas cousas, cantamos as súas cousas fóra de contexto. E isto ten que ver con que o propio proceso de transmisión que vivimos non foi o natural. A maior parte da xente non aprendeu nas foliadas, senón nas clases; e na meirande parte delas non explicamos o contexto, o significado dos propios textos. Estamos súper atentos a reproducir técnicas, a representar esa foto fixa do pasado, e acabamos facendo estampas costumistas que supoñen un falso contexto, porque montamos un fío argumental a raíz dunha selección moi particular de coplas.
Perdemos ese punto de improvisación que tanto peso tiña daquela, non?
Exacto. Esquecémonos de que para eles isto tamén era un proceso vivo. Mesturaban constantemente coplas herdadas con improvisadas. Mais agora ninguén nos pedimos inventar as coplas nas aulas, por exemplo. Vemos as regueifas, que si son improvisación, coma se fosen unha disciplina á parte, cando todo forma parte do mesmo.
Outra das conclusións que sacades do voso proceso de reflexión é que tampouco sería veraz presentar as mulleres como vítimas pasivas fóra do seu contexto.
Si, non podemos caer no 'ai, pobres mulleres que lles tocou vivir un tempo complicado'. As mulleres asumiron un rol, pero tamén tiveron o seu proceso vital de supervivencia e de empoderamento. Viviron situacións moi inxustas, mais de pasivas non tiveron nada. Hai un montón de sentimentos e emocións que elas reflexan nas cantigas. O que pasa é que agora adoitamos tirar por muiñeiras alegres e desprezamos todo o demais: a soidade, a amargura... Mais temos cantos que falan de moi diversas emocións, e tamén forman parte da nosa tradición musical e da tradición do canto das mulleres.
"Andar novos camiños con estas coplas non implica deturpar a tradición que nos foi herdada. Se pensas isto é porque non te sentes parte do proceso de transmisión"
O PRESENTE E FUTURO DESTES CANTOS
Esta revisión da tradición tráeme á memoria proxectos como Ajuar, dúas rapazas de León e Extremadura que mudan partes do seu cancioneiro para facer o que elas chaman 'xotas antipatriarcais'. Podería este ser un posible camiño tamén para nós?
Hai mil camiños que se poden andar, e moitos deles saen á luz en postas en común e en charlas. Non existe unha soa fórmula. Hai quen propón cambiar as coplas porque temos ese dereito, igual que os que nos precederon tamén as mudaban como querían. E está moi guai transformar o cancioneiro e sentirse libre para iso! Outros falan de utilizar a música e transmisión de emocións como recurso para darlle a volta á mensaxe, como fan Os Cempés cunha das cancións do seu último disco, onde narra unha violación terrible dunha maneira coa que consegue xerar moita angustia.
Algúns pensan que isto é unha deturpación da tradición que nos foi herdada, e é unha mágoa. Se pensas iso é porque que non o sentes como algo propio, porque non te ves como parte dese proceso de transmisión. A miña avoa tampouco era dona das cancións, foi un chanzo dentro da cadea. Eu gocei moito aprendendo dela, e agora o chanzo son eu. Imito cousas da miña avoa e cambio outras. As xeracións que veñan detrás miña quero que sigan evolucionando, non quero que canten e que adornen coma min.
Todo isto que vimos falando, podería tamén aplicarse ao baile tradicional?
Xusto hai un traballo que se achega bastante ao que eu estou facendo no canto, pero no baile. É o 'Andar cos tempos', de Chus Caramés e Carme Campo. Elas explican que moitos dos clixés que reproducimos nas aulas de baile pouco teñen que ver coa tradición. Iso de que o home guía, saca punto, a muller baila abaixo... ten máis que ver coas representacións folclóricas que se facían nos anos 60 e 70 na Sección Feminina. Eu mesma teño preguntado mil veces ás mulleres sobre este tema, e pasou de ser unha intuición a ser unha absoluta certeza: maiormente bailaban as mozas e maiormente bailaban entre elas. Na zona dos Ancares, que é a miña universidade, onde aprendín todo o que sei, de ningunha maneira agardaban a que o home sacase o punto!
E agora, dun tempo a esta parte, levas todas estas historias e relatos polos colexios. Como está sendo a experiencia?
Estou contentísima! Dou un obradoiro -Do tradi ao trap, baila morena- onde todo isto me serve para falar das relacións de respecto e da sexualidade sana. Paréceme un xogo hipócrita iso de indignarse porque os rapaces escoitan reguetón, posto que o mesmo que criticamos no reguetón tamén está na nosa música tradicional, que consideramos base da nosa cultura. Ambas naceron na sociedade de xeito espontáneo e percorreron o mesmo camiño. Eu intento buscar esta vía de conexión coa cativada para falar de todo isto sen que se sintan mirados con lupa. E observo que hai moito que traballar. Algunhas rapazas de 12 anos téñenme dito, por exemplo, que elas non bailan para xogar, senón para gustarlles aos chicos... Fai moita falta falar de todo isto!, e dende máis cativas! Chegamos tarde se esperamos aos 16, cando xa puideron ter un primeiro intento de abuso.
E xa para rematar... Como foi a a vosa última performance para o 25N, 'Badaladas por mulleres'?
Con estas performances buscamos a maneira de chamar a atención e poñer en valor todas estas reflexións. Queremos dicir: "Estamos aquí e a música tradicional tamén esta traballando nisto". 'Badaladas por mulleres' foi a máis complexa de todas. Coa nosa maneira de cantar quixemos transmitir o bucle de merda que sentimos cada vez que nos enteramos de que matan unha muller. Permitímonos cantar cancións que falaban de abusos e darlles ese pouso, esa carga forte emocional. E logo tamén quixemos poñer algo de luz, e decidimos meter unha última canción que falaba da masturbación feminina. Que queremos, autocontrol ou autosatisfacción? Aquilo había que acabalo cun orgasmo! (escacha a rir).
(A investigación ao detalle sobre a presenza da violencia de xénero no cancioneiro, exemplificada con coplas, pode lerse no artigo 'Reflexións sobre a pegada da violencia contra as mulleres nas cantigas da montaña de Lugo', recollido na publicación 'Rimas e letras da música popular. Do romanceiro tradicional ao bravú' da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.