(Vídeo) Así avanza o eucalipto en Galicia: “nesta parroquia xa ocupa o 95% do monte”

Investigadores alertan da "preocupante" situación do monte galego, cada vez máis monopolizado por esta especie invasora.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/12/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O avance do eucalipto sobre o monte galego é, dende hai anos, unha das principais denuncias de comunidades de veciños, estudosos do medio rural e asociacións ecoloxistas. A problemática, que conta con especial incidencia na franxa costeira galega, lonxe de remitir co tempo, segue avanzando tanto en número de denuncias como na cantidade de metros cadrados colonizados por esta especie invasora que provoca enorme dano sobre o solo galego.

Plantación de eucaliptos
Plantación de eucaliptos | Fonte: AXM

Esta problemática é precisamente a tratada no derradeiro documental de Savia Nova, unha iniciativa de orixe galego que pretende estudar as problemáticas e virtudes que presenta o monte na comunidade. Os integrantes da plataforma decidiron cinguir a súa análise á parroquia de Lourizán, situada no Concello de Pontevedra, para estudar a incidencia histórica desta especie autóctona de Australia.

O estudo da evolución dos montes pode resultar dificultoso ante a falta de material documental que dea mostras de cales eran as especies autóctonas situadas na contorna, que co tempo pasan a ser suplantadas por árbores invasoras. Para solucionar esta dificultade, os investigadores de Savia Nova recorreron a un estudo da toponimia dos distintos puntos da parroquia. “ponse de manifesto unha relación directa entre os nomes dos lugares e a posible presencia de formacións vexetais autóctonas”, explican.

A IMPORTANCIA DOS NOMES

Dende a plataforma poñen como exemplo desta dinámica o caso de Lourizán, probablemente derivada da presencia de loureiros; A Carballeira, pola presencia de carballo ou As Nogueiras; relacionado coa planta do mesmo nome. O estudo arrincou así con este análise toponímica que logo foi comparada coa presenza de eucalipto, dando lugar a resultados que, recoñecen dende a plataforma, “son máis preocupantes do que imaxinabamos”.

Os piares do estudo desenvolto pola plataforma tomaron asento nos datos achegados pola Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra, da cal destacan a contribución do seu director, o Doutor Juan Picos. “Empregando a información facilitada polo IV Inventario Forestal Nacional, e coñecendo as súas vantaxes e os seus erros, e descubrimos que a toponimia é algo máis anecdótico que representativo”, subliñan. E é que, de acordo con Savia Nova, “un 95% do territorio forestal de Lourizán” está ocupado por eucalipto. 

DATOS "PREOCUPANTES"

Esta cifra inclúe paraxes dominadas en exclusiva pola especie australiana, pero tamén escenarios onde o eucalipto comparte espazo con especies como “piñeiros ou frondosas”, subliñan. Dende a plataforma fan unha lectura “preocupante” dos datos, tendo en conta a importancia da diversificación de especies, tanto dende unha dimensión económica como ecolóxica, xa que non se deben “poñer todos os ovos nunha mesma cesta”, subliñan”.

A plataforma, que recolle todas estas reflexións no vídeo a continuación disposto, reflexiona sobre a preponderancia da especie eucalíptica nun ton retranqueiro que non agocha o temor ante a invasión progresiva e cada vez maior do monte galego. “Esta situación podería levar a un futuro hipotético no que Lourizán cambiara o nome por Eucalizán? Pode parecer un chiste, pero se o analizamos seriamente non sería tan sorprendente”. Podes consultar o documental orixinal a continuación. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 qcfj

Agora queren poñer unha segunda célulosa a conta da viscosa.