Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/12/2020 | Actualizada ás 09:00
Dos eólicos, ás autopistas. A constante riada de denuncias vertidas por organizacións ecoloxistas galegas contra as estratexias da Xunta vén de acadar unha nova fronte. A responsabilidade é da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que, segundo Voces do Ulla, pretende ampliar unha autovía nunha obra que implicaría “destruír” parte dunha Zona de Especial Conservación.
A obra en concreto consistiría nunha mellora da AG-59 no seu tramo entre os concellos de Teo e A Estrada. Segundo a plataforma denunciante, a reforma implicaría un investimento de 48 millóns de euros que tan só repercutiría nun aforro “de 5 minutos” con respecto á estrada nacional que existe actualmente. O fincapé da asociación, porén, sitúase máis ben no plano ambiental; xa que a zona designada para o paso da nova vía contempla espazos de especial protección.
Segundo subliñan dende Voces do Ulla, a autovía pasaría pola xa mencionada ZEC da Rede Natura 2000, “protexida por normativas estatais e europeas”, á parte de quedar a tan só 600 metros doutra zona protexida. A denuncia continúa porque, de acordo coa versión da asociación, as obras planificadas pola Consellería implicaría erguer 15 novas estruturas –entre elas un viaduto de 40 metros e catro carrís—que podería implicar “a destrución” dos hábitats alí situados.
A denuncia de Voces do Ulla, á que xa se uniron diversas plataformas verdes galegas, así como afectados da área, pretende que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade retire este plan de ampliación da AG59. O comunicado da plataforma, e a petición de axuda, chega coincidindo coa saída a consulta pública do estudo de impacto ambiental, que estará dispoñible ata o 4 de xaneiro.
“MASACRE” AMBIENTAL
Os argumentos da plataforma para que a Xunta retire a obra abranguen distintos eidos. Defenden, por unha banda, que xa existen infraestruturas “suficientes”, xa que a diferencia da nova obra tan só implicaría 5 minutos de aforro nun tramo de 7’5 quilómetros. Neste senso, chaman a estudar “outras alternativas” para diminuír o tempo de traxecto, “como reducir ou quitar os peaxes da autopista AP-9 para os vehículos que van dirección Cuntis-Vilagarcía-Pontevedra”, entre outros.
“Imos investir 48 millóns e destruír unha zona protexida por aforrar 5 minutos de traxecto?”, pregúntanse os da plataforma nun documento que recolle alegacións públicas ao proceso. Voces do Ulla vén de lanzar unha petición en Change.org que pretende “denunciar e rexeitar esta masacre” antes de que venzan os prazos administrativos. Polo momento colleitaron máis de 800 sinaturas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.