Ratifican o arquivo da demanda de Abogados Cristianos contra o humorista Carlos Santiago

O auto da Audiencia Provincial alude ao contexto humorístico do pregón de Entroido no ano 2018 e non cre que as expresións sexan constitutivas de delito.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/12/2020 | Actualizada ás 17:20

Comparte esta noticia

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña ratificou o arquivo da causa aberta contra o dramaturgo e humorista Carlos Santiago polo pregón das festas de Entroido da capital galega do ano 2018.

En concreto, a causa, que xa fora arquivada provisionalmente en decembro de 2019 polo xulgado de instrución número 2 da cidade, abriuse por mor dunha denuncia interposta pola Asociación de Abogados Cristianos, que considerou que o contido deste pregón "atentaba contra os dereitos relixiosos". Agora, a Audiencia desestima tamén o seu recurso.

O caso remóntase ata o Entroido do ano 2018, no que Carlos Santiago foi o encargado de pronunciar o pregón compostelán desde o Pazo de Bendaña.

A súa intervención, con todo, foi criticada naquel momento por distintos estamentos eclesiásticos e polo PP local, na oposición, así como levada aos tribunais por Abogados Cristianos, que consideraron que incluía "burlas cara á Igrexa católica e cualificativos eróticos e soeces que atentaban contra o Apóstolo, a Virxe María e A nosa Señora do Pilar".

En particular, as críticas da asociación, como recolle o auto, facían referencia a expresións como a que, no contexto dunha suposta pugna como patróns de España entre o Apóstolo Santiago e a Virxe do Pilar, Carlos Santiago atribuía a un personaxe popular: "A vosa Pilarica chúpalla ao meu Apóstolo".

Con todo, a Audiencia, como no seu día considerou o xulgado de primeira instancia, non ve este tipo de expresións "constitutivas de delito", xa que as sitúa nun "contexto de apertura das festas de Entroido", isto é, dunha "celebración subversiva".

Do mesmo xeito, lembra a "intención humorística destes pregóns" --sen "entrar a valorar se o humor é fino ou soez"-- e lembra que, precisamente, o "dobre sentido" é un recurso vinculado á linguaxe humorística e "non dun discurso ofensivo".

A sala tamén lembra o "valor nuclear da liberdade de expresión" e considera necesario certificar se houbo "intención de ofender", algo que, explica, non se clarifica con "os fragmentos achegados" en relación ao pregón.

O humorista Carlos Santiago durante o pregón do Entroido
O humorista Carlos Santiago durante o pregón do Entroido | Fonte: republica.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta