Neofalantes, "salvavidas" da lingua: "Por que non comezar o ano botándote a falar galego?"

Eis a experiencia de cinco persoas que decidiron mudar o castelán polo galego, e algunhas fixérono mesmo como propósito de aninovo. Ás que veñen detrás, non dubidan en darlles azos: "Falar galego abre un mundo novo por explorar e desfrutar, e sempre trae moitas sorpresas!".

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/01/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

E que tal se nos botamos a falar galego - ou, polo menos, máis galego - como propósito de cara ao ano que entra? "Para min foi un acerto seguro!", fala Alba Rodríguez, unha moza viguesa que vai cumprir dous anos como neofalante. "Agora que está a piques de vir un novo ano e despois deste desastre de 2020... Por que non comezar cun idioma marabilloso coma este?". Sábese ben que aquilo que un adoita propoñerse dun ano para outro, ás veces, cae en saco roto, pero se es desas persoas que anda indecisa ou que está a puntiño de dar o paso, pode resultar unha boa técnica inaugurar o 2021 falando galego. A Noelia Nores tamén lle funcionou. Coa chegada do 2020, decidiu que a súa lingua habitual había ser o galego. O proceso foi gradual, paso a paso, ata que a finais do verán, en canto regresou de Moaña ao seu piso de estudantes en Compostela, deu a zancada definitiva.

Iago Fraga, neofalante dende o ano 2007
Iago Fraga, neofalante dende o ano 2007 | Fonte: remitida

Mudar de lingua, un elemento tan importante e definitorio nas nosas vidas cotiás, non é tarefa fácil, sobre todo porque resulta habitual "atoparte na situación de verte obrigado a explicar por que cambias ao galego se 'co castelán chegas a moita máis xente'", conta Iago Fraga. Estoutro rapaz é máis veterano no asunto, deu o paso con 17 anos e leva xa 14 como galegofalante. El andou o camiño que desandaron os seus pais, que cambiaron do galego ao castelán cando se instalaron na Coruña. "Coñezo casos da xeración dos meus pais aos que lles daban na boca por falar galego", relata.  Na adolescencia comezou a ser consciente de que no seu entorno castelanfalante "había unha incoherencia" e, daquela, dixo: "Imos facelo de golpe!". Hoxe, coa perspectiva de todos estes anos ao lombo, asegura que mudar ao galego "é unha experiencia de crecemento persoal incrible". "Aínda sigo aprendendo cousas que me sorprenden".

No ámbito da sociolingüística definen esta etapa presente coma o "tempo do neofalantismo", un fenómemo que cada vez colle máis azos entre a mocidade e que chegará ao seu fin en canto estas novas persoas galegofalantes transmitan a lingua galega á súa descendencia. Ata que iso aconteza de forma trascendente pasarán moitos anos, así que polo de agora, a experiencia máis habitual é a de quen se embarcou no camiño do galego por unha chea de motivos e de moi diversas maneiras. Iso si, sexa como for, aseguran que paga a pena.

UN PROCESO COMPLEXO PERO APAIXOANTE

Cadaquén vive o proceso de pasar dunha lingua a outra dun xeito diferente. Lía, unha rapaza do Grove que decidiu falar galego hai menos de dous anos, comezou na militancia, seguiu polas "cañas coas compañeiras", logo polas amigas, e rematou coa familia. As principais trabas? "O mal que me expresaba e a pouca fluidez que tiña, por non falar da cantidade inxente de castelanismos. Adoezo de usar 'en plan' cada vez que collo aire!", conta. Agora, xa co paso máis firme, alédase de ter deixado atrás prexuízos sobre a lingua e de que este cambio a impulsara "a ler moitas máis obras en galego". "Mesmo me fixo máis doado entender as variantes da nosa lingua que se falan noutros países!", engade. 

Alba Rodríguez, neofalante de Vigo
Alba Rodríguez, neofalante de Vigo | Fonte: remitida

Os comezos sempre son algo arrevesados, tanto pola propia dificultade que entraña cambiar de lingua como polas reaccións que o cambio poida suscitar no entorno. Alba lembra que lle daba moita vergoña falar coa xente. "Como tiña que ir traducindo todo na miña cabeza, era moi lenta, ía a trompicóns e cometía moitísimos erros". Os tempos compostos foron o seu calvario, "e tamén intentar non cambiar ao castelán cando estaba triste ou enfadada", mais todo iso, di, forma parte do proceso de aprendizaxe. E é que o importante é botarse a falar, sexa como sexa e "sen medo nin vergoña"; ninguén nacemos aprendidos. Alba atopou as súas maiores trabas na época na que traballou como dependenta e teleoperadora: "Houbo persoas que se creron superiores a min e que me falaban de malas formas". Pero tamén deu cunha aliada importante no proceso: Twitter. "Obtiven moito apoio e folgos que me axudaron a non caer na tentación de dar pasos cara atrás", relata. "Agora síntome moito mellor comigo mesma e orgullosa de ser un gran de area máis que axude a que o idioma perdure". 

Probablemente, o ámbito máis complexo para a mudanza sexa o familiar, e de feito, algunhas persoas deciden tomalo a xeito de excepción, como é o caso de Iago ou o de María ome ficticio], unha moza de 25 anos que cumpre dez cabo do galego grazas a esas lecturas optativas da materia de lingua que a impulsaron na adolescencia. "Ao descubrir autores revolucionarios da nosa historia, entendín a importancia do galego na formación da nosa historia e identidade", relata. Desta maneira, comezou paso a paso cos seus amigos neofalantes, coas redes sociais e cos traballos de clase. "Así non tiña que aturar a xente que me xulgaba e tachaba o meu cambio de patético, con comentarios do estilo 'ay, ¿y ahora eres nacionalista?', 'pero si tú no sabes hablar gallego', ou '¿no estarás haciendo esto por algún chico?'. A día de hoxe, conta, non chegou a cambiar a lingua coa súa familia, "e non diría que por costume", explica, "senón porque ao seren conservadores pensan que o uso do galego é un ataque político contra as súas ideas". 

Lidar con comentarios deste estilo é, en maior ou menor medida, unha experiencia que comparten moitas das persoas neofalantes, mais a viaxe persoal que implica mergullarse no galego fai que o positivo supere o negativo. Existen casos nos que mesmo algún outro membro da familia se anima a dar o paso. "O meu entorno reaccionou ben", fala Lía, "e de feito tomouse como oportunidade para empregalo máis". A Noelia, á que "todos entenderon con moita naturalidade", o que máis lle gusta de falar galego "é ver como miña irmá pequena, de 15 anos, fai por falar tamén en galego, polo menos cando fala comigo". "En xeral, gústame a idea de que así podemos animar a xente a expresarse no idioma, xa que por parte da Xunta non hai políticas lingüísticas...", entende. 

Iago, que se manexa nun total de cinco idiomas, describe a súa transición ao galego como unha "experiencia de crecemento persoal incrible". Cando rematou o bacharalato e decidiu marchar estudar fóra de Galicia, aínda acreditou máis na súa decisión. "Tiven moitos compañeiros de distintos lugares do mundo que me describían palabra por palabra a situación do galego coas súas respectivas linguas. Sentinme moi identificado, pensaba que eramos só os galegos os que tiñamos este problema, pero nada máis lonxe!", relata. Segundo entende, "se vives en Galicia, a primeira cultura que tes que aprender é a túa". "As linguas son coma unha caixa de ferramentas, e o galego é a máis adaptada para vivir aquí". Na súa canle de YouTube, Neofalando, Iago foi recollendo todo o seu proceso de transición ao galego.

E... COMO DAR O PASO?

Quen mellor que as persoas neofalantes para explicar uns cantos consellos de por onde empezar. "A quen estea indecisa, eu diríalle que comece con outra persoa neofalante ou por redes sociais, normalmente son os medios máis comprensivos para empezar, onde se perdoan erros e se comentan de xeito construtivo. E sen falta, empezar a ler en galego e portugués!", recomenda Rocío. Noelia tamén pensa que un bo comezo pasar por xuntarse a persoas que xa falan o idioma e coas que unha se pode sentir cómoda.

"Non teñas medo nin vergoña!", di agora Alba. "Non é un camiño de rosas, pero todo é pasaxeiro. A min chegáronme a dicir hai un par de meses que non se me nota nada que son neofalante, e non sabes a satisfacción que me produciu! Estou segura de que se te propós o cambio o vas conseguir!", anima. Lía, dende a súa experiencia, considera igualmente que o máis importante é perderlle o medo, posto que "todas cometemos erros, e é o máis normal". "Facelo peor ca Feijóo é difícil!", ri. Tamén dá azos Iago: "Proba, dáte a oportunidade. Non está para sufrilo, non tes que sacrificarte. É un mundo que tes por explorar e desfrutar, e que che vai traer moitas sorpresas". 

AS PERSOAS NEOFALANTES NO FUTURO DA LINGUA

Sexa aos poucos, de golpe, por ámbitos sociais, sen avisar ou avisando, o que conta é probar e ver como se sente unha coa nova fala. Se ben os neofalantes non son o único factor que se necesita para revitalizar unha lingua minorizada, si que actúan como motor dela. "Dun neofalante sae outro!", reivindica Lía. Ademais, unha persoa neofalante está motivada por un compromiso claro co idioma: "Son indispensables, non só pola conservación da lingua senón tamén porque fan un cambio comprometido a todos os niveis: persoal e político, con todo o que iso implica. Moita xente que fala galego agora aínda é vítima de prexuízos e estigmas; porén, as novas xeracións de neofalantes entenden ese conflito histórico, e iso, é un motivo máis para falalo", relata María.

Iago, pola súa banda, decide explicalo a modo de metáfora: "Se ti colles unha botella, a enches ao cen por cen de cocacola e cada día lle sacas cinco centilitros de cocacola para poñerlle cinco de auga, precisamos algo que transforme a auga en cocacola, porque se non, acabará transparente. Vexo crucial traballar a normalización en todas as xeracións. Sen iso, é cuestión de cantos ciclos pode durar". 

As persoas neofalantes, remata Alba, "son un salvavidas para o idioma". "Unha esperanza".  Anímaste a comezar este 2021 en galego?

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Martín

Moito ánimo a estas mozas e mozos. A súa decisión ten un valor incalculábel. Grazas.