Por Galicia Confidencial | Noia | 04/01/2021 | Actualizada ás 20:00
Un magnífico exemplar de abadexo de case un metro e oito quilos de peso. É o que pescou Manuel Rey Perol este luns na boca da ría de Muros e Noia a 90 metros de profundidade acompañado de Víctor Solís.
"Tiraba moito fío, daba medo... Eu, ao principio pensaba que era robaliza, pero logo xa vin que tiña que ser un abadexo, pero non pensei que fora tan grande. O mérito foi sacalo para arriba. Debín de botar dous ou tres minutos", dixo en declaracións ao GC.
Manuel di que ten pescado algún de tres quilos, pero nunca un tan grande. "Eu penso que ninguén na ría ten sacado un tan grande. Nin na lonxa teño visto un tan grande", asegura. O único que di que o superou foi unha corbina que se pescou hai 25 anos e que superaba os 20 quilos. "Pero as corbinas soen ser xa sempre moi grandes", di.
O abadexo é un peixe mariño da familia dos gádidos que vive en fondos rochosos ata os douscentos metros de profundidade e que pode chegar a medir máis dun metro de lonxitude e pesar dez quilos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.