O Consello da Cultura lembra a Díaz Pardo con novas publicacións no noveno aniversario da súa morte

En 2020 celebrouse o centenario do seu nacemento.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 05/01/2021 | Actualizada ás 13:49

Comparte esta noticia

O Consello da Cultura Galega (CCG) aproveitou o noveno aniversario do falecemento de Isaac Díaz Pardo, que se cumpre este martes día 5 de xaneiro, para lembrar a súa figura con novas publicacións.

Isaac Díaz Pardo
Isaac Díaz Pardo | Fonte: Europa Press

Por unha banda, incorporou a súa entrada no Álbum de Galicia. Ademais, puxo en rede varias entrevistas que dan conta do pensamento deste intelectual e emprendedor e publicou a entrada biográfica do seu pai, Camilo Díaz Baliño.

Tal e como lembra do Consello da Cultura, Isaac Díaz Pardo (Santiago de Compostela 1920 - A Coruña 2012) foi un artista, empresario e activista cultural cuxa traxectoria vital é fundamental para entender o galeguismo e a evolución do país ao longo dos últimos cen anos.

A súa biografía, elaborada por Xosé Ramón Fandiño, pode consultarse desde este martes no Álbum de Galicia. Xunto á súa entrada, incorpórase tamén a do seu pai, Camilo Díaz Baliño, que foi escenógrafo e deseñador gráfico e unha figura inmersa nos movementos galeguistas anteriores á Guerra Civil.

O Consello da Cultura Galega tamén aproveita a efeméride para pór en rede novos recursos sonoros. Son tres entrevistas procedentes dos fondos do Arquivo Sonoro de Galicia que o propio Isaac Díaz Pardo concedeu entre 1980 e 1992. Nelas fala da súa visión das exposicións, da relación con Seoane e da investigación científica en Sargadelos.

CENTENARIO EN 2020

O pasado 22 de agosto de 2020 cumpríronse cen anos do seu nacemento. Con motivo desta celebración, o Consello da Cultura elaborou unha web especial na que puxo en rede o epistolario cruzado con Seoane. Foi a primeira vez que as cartas escritas por Díaz Pardo saíron á luz, xa que as de Seoane xa foran publicadas en 2004 por Ediciós do Castro.

O epistolario presentouse cun prólogo contextualizador a cargo de Ramón Villares, historiador e presidente do Consello da Cultura Galega entre 2006 e 2018; así como catro reportaxes elaboradas desde o portal de divulgación cultural Culturagalega.gal.

En concreto, trátase de 330 cartas que Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo, dúas figuras imprescindibles da cultura galega, intercambiaron entre 1957 e 1979.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta