Hábitats e especies protexidas pola UE poderían desaparecer coa nova autoestrada A Ramallosa - A Estrada

Adega denuncia que hai especies que non foron recollidas no Informe de Impacto Ambiental da obra.

Por Galicia Confidencial | A Estrada | 05/01/2021 | Actualizada ás 21:30

Comparte esta noticia

ADEGA vén de presentar alegacións contra a ampliación da autoestrada AG-59, no treito que pretende unir A Ramallosa co concello da Estrada. Este trazado afecta ao espazo natural protexido como Zona de especial conservación (ZEC) do “Sistema Fluvial Ulla-Deza”, forma parte da Rede Natura 2000, e sitúase a escasos 600 m de “A Burga”, outro espazo catalogado como Lugar de Interese Comunitario (LIC).

Segundo denuncia a organización ecoloxista, o impacto ambiental desta infraestrutura sería permanente sobre os hábitats especialmente protexidos neste espazo protexido, como son os bosques aluviais, carballeiras galaico-portuguesas e outros hábitats de especial interese como os ríos dos pisos basal a montano. "Este vial incumpre as esixencias establecidas na normativa europea (Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992) relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, e a Lei estatal 42/2007, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade, que impón a obriga xurídica de evitar o deterioro dos lugares da Rede Natura 2000", denuncia.

Así, ADEGA detectou a presenza de ata 101 especies vexetais e animais tan só nunha pequena parte da área afectada, situada na contorna do río Vea. Destas,  72 foron identificadas no lugar pola asociación ecoloxista en tan só 4 horas de traballo de campo. Neste traballo tamén se constatou a presenza de 24 especies máis das que se refiren no estudo de impacto ambiental (EIA) do proxecto. Por iso, critica que o EIA do proxecto é "incompleto e pouco rigoroso", pois non incorporara algunhas especies protexidas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas e vulnerables como é o caso do fento Dryopteris guanchica, Narcissus  cyclamineus, ou do morcego pequeno de ferradura (Rhinolophus hipposideros), incluído na lista internacional para a Conservación da natureza (UICN) como especie case ameazada (NT).

Espazo natural protexido como Zona de especial conservación (ZEC) do “Sistema Fluvial Ulla-Deza”, forma parte da Rede Natura 2000
Espazo natural protexido como Zona de especial conservación (ZEC) do “Sistema Fluvial Ulla-Deza”, forma parte da Rede Natura 2000 | Fonte: turismo.dacoruna.gal

A Universidade de Santiago de Compostela tamén ten constatado na zona fluvial de afectación a presenza das tres especies de mexillón de río incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (Unio delphinus e Potomida litoralis, Margaritifera margaritifera), das que unha está en perigo de extinción (Margaritifera margaritifera).

PROXECTOS EUROPEOS

Por outra banda, na área na que se pretende construír un viaduto sobre os ríos Ulla e Vea desenvolvéronse dous proxectos europeos para a conservación da biodiversidade e a recuperación de especies especialmente vulnerables para cuxos obxectivos a construción desta nova infraestrutura resulta contraproducente e incompatible. Un deles foi o proxecto de custodia do territorio desenvolvido en 2011 -2013 polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR 20) para a creación dunha rede de custodia fluvial nas bacías do Ulla-Umia-Lérez e a Ruta dos Muíños do río Vea, financiado con Fondos FEADER.

Outro foi o proxecto europeo de investigación Life Margal Ulla cuxo obxectivo se centraba en mellorar o hábitat e favorecer a conservación do mexillón de río, desenvolvido no período 2010 – 2015 baixo a coordinación da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. "Que sentido ten investir cartos públicos en proxectos de conservación e mellora da biodiversidade se posteriormente a administración promove infraestruturas que destrúen o hábitat?", pregúntase a organización ecoloxista. 

Por iso, pide que se estuden outras alternativas para diminuír o tráfico no traxecto de Santiago-A Estrada, como reducir ou quitar as peaxes da autopista AP-9 no treito Cuntis-Vilagarcía-Pontevedra ou aproveitar outras estradas e pontes xa construídas.

OPOSICIÓN

ADEGA xunto a outros colectivos que forman parte  da Plataforma Voces do Ulla (Amabul, Amigos da Terra, APDR, A Xesteira, Asoc. Victimas da Xustiza, Casa  colorida, colectivo Agrocuir da Ulloa, Ecolectivo, Ecologistas en Acción, Mina Touro- O pino Non, Nais polo clima, Plataforma Pola Recuperación Do Sar, Plataforma pola convivencia ética coa fauna silvestre “Con-Ética”, Sustinea, Verdegaia) pediron xa á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia a retirada deste plan de ampliación da autovía AG-59.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta