Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/01/2021 | Actualizada ás 20:29
Un total de 7.816 persoas menores con discapacidade oficialmente recoñecidas cun grao igual ou superior ao 33% de Galicia --segundo os últimos datos do Imserso-- quedan exentas de realizar achegas económicas na prestación farmacéutica do Sistema Nacional de Saúde (SNS) desde este 1 de xaneiro de 2021, tal e como dispón a Lei de Orzamentos Xerais do Estado para este exercicio.
Segundo informa Cermi nun comunicado, do total de persoas beneficiarias na comunidade, 3.645 corresponden á provincia de Pontevedra, 2.810 á Coruña, 766 a Ourense e 595 a Lugo. Esta medida do Goberno responde a unha antiga reivindicación tanto do Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) como do mesmo Comité en Galicia para todas as persoas con discapacidade, e que agora se circunscribe aos menores de 18 anos.
Para o movemento social da discapacidade, esta exención de copago suporá "un alivio económico para miles de familias que teñen no seu seo a un menor de 18 anos con discapacidade e que se enfrontan a un sobrecusto que poden chegar ao 40% respecto das familias nas que non hai situacións de discapacidade".
Segundo explica CERMI Galicia, os menores con discapacidade, "precisamente pola súa circunstancia, poden ser consumidores máis intensos de medicamentos, o cal supón máis gasto nesta prestación, polo que exoneralos de copago alixeirará o esforzo familiar, mellorando o acceso a produtos esenciais para o tratamento e curación de enfermidades e patoloxías, relacionadas ou non coa súa discapacidade".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.