Unha (outra) fiestra de oportunidade

No longo e tortuoso camiño transitado no Oriente Medio polo conflito palestino-israelí, varias veces puidemos asistir á apertura, máis ou menos grande ou pequena, de fiestras de oportunidade. Fiestras de oportunidade entendidas como esas escasas combinacións de factores endóxenos e esóxenos que fan albiscar unha posibilidade de achegamento das partes en conflito.

Por Pedro G.-Valadés | Vigo | 08/07/2013

Comparte esta noticia
Pois ben, ou meu ver, e con todas as reservas de quen escribe sobre unha terra da que temos milleiros de anos de escrituras, entendo que agora, e nos vindeiros meses estaremos asistindo a un deses escasos e prezados momentos nos que por diversos motivos, as partes teñen unha maior predisposición ao entendemento, ou cando menos de achegamento serio.
 
A presenza como mediador do Secretario de Estado norteamericano John Kerry é fundamental para tentar abrir -e que se manteñan abertas o tempo dabondo-, as ventás entre palestinos e israelís. Porque na miña opinión John Kerry é posiblemente o mellor mediador desde hai décadas, cun mellor e máis amplo coñecemento do terreo, dos anceios e dos temores das partes. E o que é vital para determinar as posibilidades de éxito dun mediador, as dúas partes confían no actual Secretario de Estado, que está aparentemente decidido a asumir a arriscada aposta de que o seu país volva ser o mediador clave en Oriente Medio, unha aposta con riscos, que pode lograr que se reinicien as negociacións de paz, pero tamén pode danar a súa credibilidade persoal e a do goberno de Barack Obama.
 
John Kerry maniféstase firme e convencido de que o proceso de paz entre israelís e palestinos pode ver froitos serios nun prazo máximo de dous anos e para darlle o empurrón inicial acudiu a unha sorte de "diplomacia de ponte aérea" que levouno catro veces á zona en pouco máis de dous meses, reuníndose en cando menos dez ocasións en Xerusalén e Ramallah, co presidente da Autoridade Nacional Palestina, Mahmud Abbás, e co primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, antes de revelar o primeiro compoñente do seu plan de mediación.
 
O anuncio por parte de Kerry dun plan deseñado xunto ao eterno negociador do Cuarteto, Tony Blair, para implementar un paquete de investimentos de perto de 4.000 millóns de euros dirixidos á economía palestina, condicionado a axuda a que haxa avances no proceso de paz, é un primeiro movemento no taboeiro. Evidentemente a paz non pode ser mercada, porque se así fora, habería moitos anos desde que as partes terían asinado xa un acordo de paz, mais o paquete económico é un incentivo positivo e probablemente impresincible, aínda que certamente non suficiente. Pero neste plano o que parece querer procurar Kerry co paquete en cuestión é conseguir que israelís e palestinos se senten e afronten asuntos espiñentos como fronteiras ou seguridade, puntos neurálxicos que non esquezamos son a nai do cordeiro e da súa solución ou non dependerá a paz futura. Falaba ao comezo dos riscos que Kerry asume actuando tan activamente como mediador, porque desde logo se as negociacións racharan ao pouco de comezar, o que teño claro é que romperán calquera ponte de confianza que quede no proceso durante moitos anos.  
 
Canto tempo temos para ver os primeiros sinais de progreso? É moi difícil saber sen a axuda de Snowden cal é o deseño da folla de ruta das conversas palestino-israelis, pero entendo que debéramos ver antes do fin do verán algún avance. Sinais esperanzadores cando menos polo bando israelí hainas, por exemplo segundo publica a prensa israelí, Netanyahu está disposto a retirarse da maior parte de Cisxordania e evacuar a numerosos asentamentos como parte dun acordo cos palestinos, sempre que se cumpran as lóxicas demandas de seguridade que garantan a estabilidade e perdurabilidade do acordo de paz. Incluso os pesos pesados no goberno de Netanyahu, os Ministros de Economía e de Finanzas, Naftali Bennett e Yair Lapid respectivamente, manifestaron en varios medios internacionais que "o goberno de Netanyahu quere avanzar moi seriamente no proceso de paz de dous estados". 
 
Hai uns días Marwan Al-Muasher, un dos redactores da denominada Iniciativa Árabe de 2002 manifestaba que “só o completo respaldo do presidente de Estados Unidos e un plan rotundo poderán impulsar este proceso”. Eu creo que iso é algo evidente, mais quen ten que crer e aproveitar este breve lapso, esta fiestra de oportunidade, son as partes en conflito, palestinos e israelís, israelís e palestinos, que son os que sofren o día a día nesa terra que como ben dicía Shlomo Ben-Amí está chea de historia para moi pouca xeografía.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA