Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/01/2021 | Actualizada ás 18:13
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, propuxo un plan de rescate do sector da hostalaría similar ao posto en marcha en Alemaña que contemple axudas inmediatas para compensar ata o 70% das perdas rexistradas polos locais, uns apoios que pide que estean en vigor mentres duren as restricións para facer fronte aos contagios da covid-19.
"O BNG apoia todas as medidas que se estimen necesarias para frear a pandemia, porque a mellor forma de saír da crise económcia é controlando o virus, agora ben, se o Goberno de Feijóo decreta o peche dun sector, que é o que na práctica está a pasar coas novas restricións, ese sector ten que recibir axudas directas inmediatas que compensen as perdas", apunta.
A líder dos nacionalistas galegos pronunciouse deste xeito despois de reuirse, acompañada polo deputado Daniel Pérez López, coa dirección da Asociación de Hostalería de Santiago, encontro que tuevo lugar nun local de cidade que permanece pechado.
"Ver este local pechado é a mellor explicación de como está o sector da hostalaría en Galicia", sinalou a líder nacionalista, que asegurou que hai moitas persoas do sector que están nunha "situación crítica". "E non porque non saiban como manter en pé os seus negocios, senón como manter en pé ás súas familias", asegurou Pontón, que considera que fai falta "máis que declaracións de intencións".
"Ten que haber axudas, un plan de rescate que debería pasar por compensar perdas, como fixo Alemaña, durante o tempo que duren as restricións á actividade", indica. Neste sentido, a xefa de filas dos nacionalistas galegos pide a Feijóo que "se poña as pilas". "Vai ter máis recursos que nunca --11.600 millóns de orzamento--, que deben chegar á xente que peor o está pasando", alegou. De feito, incidiu en que este sector "non recibiu nin un euro de axudas directas por parte do Goberno Feijóo ata o pasado mes de novembro, mentres que outros territorios tiñan xa en marcha unha segunda liña de subvencións".
"Se se salvou á banca, non se pode deixar caer á hostalaría", sinalou para subliñar que "xera miles de empregos" e advertir de que, segundo as propias asociacións, "no que vai de crises o sector deixou polo camiño 11.000 postos de traballo entre regulacións de emprego e despedimentos".
SELADO DE OFICIO DAS DEMANDAS DE EMPREGO
Por outra banda, o BNG avanzou que pedirá no Parlamento de Galicia que a Xunta prorrogue o selo de oficio das demandas de emprego mentres existan restricións de mobilidade ou de acceso aos distintos edificios administrativos, despois de que esa medida finalizase de forma oficial o pasado 31 de decembro.
Ademais, este venres, o BNG instou ao Goberno do Estado a participar activamente nos foros que se poidan constituír para abordar a problemática da factoría de Siemens Gamesa no municipio das Somozas (A Coruña) e a intervir decididamente para evitar o peche da planta e a perda de máis de 200 postos de traballo directos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.