Por Galicia Confidencial | Compostela | 20/01/2021 | Actualizada ás 20:49
O luns a Xunta informou de 24 falecidos, o martes de 14 e este mércores de 16. En total son 54 as vítimas reportadas nos últimos días --1.566 falecidos en total--, un número que volve lembrar aos peores momentos desta pandemia. Nas últimas 24 horas decreceu a presión sobre a provincia da Coruña e, particularmente, das áreas de Ferrol e A Coruña, que non rexistraron falecidos, pero aumentou en Santiago.
Segundo informa o Sergas, na capital galega morreron tres persoas no CHUS. Trátase dun home de 90 anos e de dúas mulleres de 84 e 85. Tamén na provincia da Coruña faleceu unha muller de 91 anos na residencia DOMUSVI de Vimianzo
Pero a área sanitaria máis afectada foi, nesta ocasión, a de Vigo. Alí morrreron cinco persoas, tres deles, no CHUVI. Trátase de dous homes de 77 e 83 anos e dunha muller de 96 que procedía da residencia paz y Bien de Tui. Tamén faleceron outros dous varóns de 86 e 56 anos en Povisa.
Tamén en Ourense se rexistraron catro falecidos nas últimas horas, dúas delas, un home de 88 anos e unha muller de 89 no CHOU e as dúas restantes, dúas mulleres de 80 e 87 anos, na residencia Santa María de Verín.
Finalmente, o Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP) rexistrou dous falecidos; un home de 80 anos e unha muller de 81 e o Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo outro home de 95 anos procedente da residencia A Pastoriza. Todos os falecidos tiñan patoloxías previas e catro deles eran usuarios de residencias de anciáns.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.