Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/01/2021 | Actualizada ás 14:11
O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, anunciou a próxima convocatoria da Mesa de Transición das Pontes ante a "decisión unilateral" de Endesa de pechar a central térmica situada neste concello coruñés por considerar que as probas de biocombustibles non apuntan á súa viabilidade.
Lembra que esta Mesa de Transición da Pontes reúne a representantes do Ministerio para a Transición Ecolóxica, a Xunta de Galicia, o Concello das Pontes de García Rodríguez, a empresa titular da central, a Asociación Empresarial das Pontes e os sindicatos co obxectivo de planificar accións conxuntas que aseguren unha transición xusta nesta zona.
Losada mostrou a súa "indignación" pola decisión feita pública por Endesa, que considera que "non é de recibo" xa que non contou nin coa participación do grupo de traballo técnico constituído para avaliar a viabilidade da planta e tampouco tivo en conta os fondos dispoñibles para facilitar a transición enerxética deste tipo de instalacións.
Tras iso, reiterou o compromiso do Goberno de España coas Pontes e coa mesa para o futuro da comarca, a única con carácter específico, á que lle corresponde a elaboración dun plan de desenvolvemento para atopar alternativas á xeración eléctrica con carbón tal e como viña desenvolvendo, entre outras actividades.
Javier Losada lembrou que o traballo conxunto de traballadores e administracións foi capaz de dar esperanza á factoría de Alcoa e "aínda que Endesa se atope nunha situación diferente" considera que o exemplo da unidade de acción mostrada no tema de Alcoa debe atopar un paralelismo no caso das Pontes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.