Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 22/01/2021 | Actualizada ás 17:55
A Deputación de Pontevedra adquiriu parte do arquivo persoal de Xosé "Pepe" Velo Mosquera, político e activista galeguista, co fin de facilitar o seu acceso ao público, recoñecer e pór en valor a súa figura, a súa obra e as súas ideas na defensa da liberdade".
A compra foi negociada con Víctor Velo, fillo do galeguista e residente en Brasil, desde onde se trouxo todo ese material constituído por documentos en diferentes formatos (fotografías, cartas, escritos, etc.) e que son unha mostra da actividade política e cultural do seu proxenitor.
A deputada de Memoria Histórica, María Ortega, subliñou o "compromiso" coa recuperación da Memoria Histórica por parte da Deputación de Pontevedra. "Para aprender do noso pasado e poder transformar o presente de cara a un futuro ilusionante e que poña a Galicia no mapa".
A deputada do BNG tamén desvelou que o obxectivo é realizar unha publicación co material inédito sobre o autor, xunto a outras actividades, o próximo ano 2022 coincidindo co 50 aniversario do falecemento de Pepe Velo.
Ademais a administración provincial apoiou outras iniciativas de difusión para recoñecer a súa figura como é o documental 'Xosé Velo en Vigo. A guerrilla antifranquista na provincia de Pontevedra' que estará a disposición do público na canle de Youtube da Deputación e na web de Arraianos Produccións e foi distribuído entre os centros de ensino e bibliotecas da provincia como material didáctico.
Este documental foi dirixido por Aser Álvarez, que se referiu ao 60 aniversario do feito máis coñecido da biografía de Pepe Velo, o asalto do transatlántico Santa María en augas do mar Caribe para protestar contra as ditaduras de España e de Portugal.
Así mesmo, presentouse unha pequena peza audiovisual coa arenga que Pepe Velo fixo ante a tripulación e a pasaxe para explicar os motivos da súa acción política.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.