BNG e PSdeG, dous xeitos diferentes de enfrontar a pandemia

Os socialistas propoñen un "grande acordo" fronte aos "brazos caídos" da Xunta e o "confinamento para todo" dos nacionalistas, que cargan contra o "partidismo" de PP e PSOE na xestión da pandemia e piden que se vacine "24 horas os 7 días".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 30/01/2021 | Actualizada ás 16:17

Comparte esta noticia

PSdeG e BNG —os dous partidos da oposición no Parlamento galego— volven manifestar as súas diferenzas á hora de resolver a crise sanitaria e económica causada pola pandemia da covid-19. Desde ambas formacións volve haber cruzamento de críticas.

Ana Pontón e Gonzalo Caballero
Ana Pontón e Gonzalo Caballero | Fonte: ED

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cargou contra o "partidismo" de PP e PSOE na xestión da pandemia desde as súas responsabilidades de Goberno nas Administracións central, autonómica e provincial, á vez que demandou á Xunta que elabore un plan de vacinación que permita administrar dose "as 24 horas do día o sete días da semana".

Pontón culpou a ese "partidismo" de PP e PSOE de "impedir" un acordo entre Xunta, deputacións e a Fegamp para a concreción dun plan de axudas á hostalaría que, para o BNG, debe pasar por que cada administración achegue a mesma porcentaxe dos seus orzamentos e que se cubra o 70% das perdas.mulleres e xente.

En palabras de Pontón, a ausencia de acordo débese á "cerrazón" do PP desde a Xunta e do PSOE nas tres deputacións que goberna (Lugo, A Coruña e Pontevedra) e a dirección da Fegamp (encabezada polo socialista Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía).

"Uns e outros fixeron primar as súas posicións partidistas sobre a necesidade e urxencia dun gran rescate para estes sectores", sentenciou a portavoz nacional do Bloque, que instou a estes partidos a ter "altura de miras" e "deixar ao carón o cortoplacismo" para poder alcanzar "acordos entre administracións" que permitan dar resposta aos sectores económicos que "máis sofren" pola crise do covid-19.

Así as cousas, Ana Pontón proclamou que a "esperanza" nestes momentos está nas vacinas, polo que instou ao Goberno galego a aparcar "a propaganda" e elaborar un plan de vacinación que permita facelo "7 días á semana as 24 horas do día" a través dunha "loxística ben preparada" e co "persoal suficiente" que garanta o "éxito" da campaña, chamando mesmo, se é necesario, a profesionais xa xubilados.

Para a líder nacionalista, os problemas xurdidos coa súa distribución por parte das grandes farmacéuticas que desenvolveron a vacina contra a covid-19 evidencia que se debe "apostar o mil por mil pola ciencia e a investigación desde o ámbito público".

PSDEG

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, pola súa banda, propón selar "un grande acordo" político en Galicia fronte á terceira onda da pandemia, no canto da política de "brazos caídos" da Xunta do PP e o "confinamento para todo" no que insiste o BNG.

O líder socialista suxire este pacto para combater a crise da covid nos ámbitos sanitario, social e económico "a favor dos galegos e das galegas".

Neste contexto, Caballero afea que a Xunta estea "de brazos caídos tras a repunta de contaxios como consecuencia da estratexia 'Salvar o Nadal'", sen ter outra iniciativa que "tentar sacar coellos da chistera con debates inútiles".

Ademais, lamenta que o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, non leva medidas á reunión co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, senón "un falso debate sobre o estado de alarma que o PP nin sequera apoiou no Congreso".

De igual modo, o secretario xeral do PSdeG critica que o BNG leve "desde outubro" solicitando de forma continua "un confinamento absoluto" cando, lembra, na segunda onda a pandemia "foise controlando co estado de alarma".

"Non hai que descartar ningunha medida en función da evolución da pandemia, pero sempre en función do criterio dos comités clínicos e as autoridades responsables", engade, coa mirada posta na formación nacionalista.

Fronte a todo isto, Gonzalo Caballero apela a alcanzar "un grande acordo para fortalecer a atención sanitaria aos afectados", para "axilizar a vacinación" e para desenvolver un programa económico "que axude a pequenos negocios e empresas en dificultades" por mor da pandemia.

Sobre a campaña de vacinación, o líder do PSdeG destaca que Galicia recibiu "todas" as doses para as residencias e para os profesionais sanitarios en primeira liña, á vez que asegura que se houbese "máis persoal" enviáronse "máis vacinas".

Así, Caballero rexeita a "deslealdade" dun Feijóo que "busca a confrontación" co Goberno de España ao "confundir" coa orde establecida nos protocolos e nun momento en que a Unión Europea presiona aos laboratorios para que cumpran os seus contratos.

Ao fío disto, o secretario xeral dos socialistas reclama ao Sergas un informe sobre a vacinación no que se especifique "cantas irregularidades" se detectaron e "cantos cargos do PP" están inmunizados, despois de coñecerse esta semana que a alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo --que xa solicitou baixa das filas populares--, se vacinara.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Ana Pontón debe ter un almacén de vacinas na casa... porque con sorte aló polo mes de setembro teremos vacinado aos maiores de 65 anos e gracias... Gonzalito debera enviar a negociar as axudas á Hostalería a alguén que fose capaz de escoitar á xente e non a un mentireiro compulsivo como é López Font (ben coñecido en Vigo) ! Alá se maten entre eles, o malo é que os que morremos somos nós !