Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/09/2024 | Actualizada ás 18:20
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, celebrou o crecemento do sector turístico en Galicia, que "se está facendo con sentidiño" e "con sustentabilidade", á vez que asegurou que quen o rexeitan "son minoría" e "moitas veces" fano por "formulacións puramente ideolóxicas". Preguntado este luns na súa comparecencia posterior á primeira reunión do Consello da Xunta tras o parón estival, Rueda recoñeceu que o sector debe "evolucionar" e, para iso, "claro que hai que escoitar aos expertos" e "cambiar algunhas cousas".
Así, recoñeceu que hai que "regular fenómenos" que xurdan no sector. "Pero iso, desde logo, non ten ningunha relación, máis ben ao contrario, con algunhas actitudes, nas que eu vexo formulacións ideolóxicas dos de sempre, que cren que ninguén ten dereito a gozar máis que eles do que ofrece Galicia", engadiu. O presidente galego advertiu que "manifestacións ferintes" e "despreciativas" cara aos visitantes "fan moitísimo máis dano do que poden pensar" sobre a visión que se ten da Comunidade fóra das súas fronteiras. De feito, "máis nada que hai que saír fóra de Galicia para escoitar algúns comentarios" respecto diso.
Por iso, Rueda mandou a mensaxe de que "toda esa xente que fala do turismo unicamente como un problema" e que "lle molesta" que haxa visitantes "con respecto", son "unha minoría" que "moitas veces" actúa por "formulacións puramente ideolóxicas" e que "non representa á maioría de galegos". Ademais, o presidente sinalou ao turismo como unha "parte importante" do desenvolvemento económico de Galicia, aínda que "non fundamental", de aí a importancia de impulsar o sector industrial.
O CONCELLO DE SANTIAGO APELA A TER UN DEBATE "SOSEGADO" E "ACOUGADO"
Tamén no ámbito turístico, a portavoz do goberno local de Santiago, Míriam Louzao, asegurou que o Concello compostelán coincide cos expertos en que hai que ter un debate "sosegado" e "acougado" respecto da situación turística que vive a capital galega e apela á unión entre administracións para logralo.
Nesta liña, asegurou que é unha cuestión "importante" que deben "valorar" e "estudar", polo que piden ás diferentes administracións que "acompañen" ao consistorio nesa reflexión. Así mesmo, Louzao lembrou que o goberno local aprobou hai uns meses un convenio de colaboración coa USC para desenvolver traballos de investigación en materia de turismo sustentable e diferentes mesas sectoriais.
Neste sentido, subliñou que o goberno local "está a sentar as bases do que vai ser o turismo do futuro", polo que incidiu no compromiso da súa administración para traballar e lograr un turismo "consciente e responsable". "Cada vez é máis evidente e mantémolo desde o primeiro día, pero cremos que debemos estar todas as administracións implicadas", lembrou. Deste xeito, puxo o foco nas diferentes campañas de información e de concienciación postas en marcha polo Concello de Santiago.
Neste sentido, indicou que o goberno local continuará nesa dirección e reflexionará nesas mesas sectoriais sobre que medidas se poden tomar e sobre que modificacións poden levar a cabo nas ordenanzas durante estes mandatos. Con todo, convidou ao resto de administracións a unirse entre todas para cambiar o modelo turístico, xa que asegurou que o Concello de Santiago non pode facelo en solitario se outras administracións como a Xunta "non están no mesmo camiño".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.