Por E.P. | A CORUÑA | 03/12/2024 | Actualizada ás 17:50
A Deputación da Coruña destina 50.000 euros a adquisición de material e maquinaria para o Grupo de Rescate Inmediato de Catástrofes da Asociación Busca e Rescate Integral e Emerxencias de Galicia (Briegal).
Segundo informou a institución provincial nunha nota de prensa, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o seu homólogo de Briegal, Manoel Tato, asinaron un convenio mediante o que a administración contribuirá á adquisición de material que permita a Briegal dispor dun equipo de procura e rescate de activación inmediata coa autonomía, autosuficiencia e capacidades requiridas polos estándares establecidos de maneira internacional e que poida situarse no lugar onde se produza a catástrofe en menos de 24 horas.
"A devastadora Dana en Valencia lembrounos a importancia de dar unha resposta rápida e eficaz nas primeiras horas dunha catástrofe con equipos especializados, recursos adecuados e experiencia", afirmou Formoso, que destacou "o gran labor" da ONG Briegal, que naceu como unha asociación de bombeiros voluntarios de Ferrol tras o terremoto de Turquía, en 2023.
CONVENIO COA UNED
Por outra banda, a Deputación da Coruña destinará 100.000 euros ao Centro Asociado á UNED da Coruña para o financiamiento da súa programación de actividades formativas e culturais durante este ano.
Neste sentido, Formoso destacou o "amplo abanico" do programa formativo que ofrece a UNED que permite "o acceso á educación a persoas de todas as idades na provincia" co obxectivo de que "poidan ampliar os seus coñecementos obtendo certificacións do máis alto nivel".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.