Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/09/2024 | Actualizada ás 11:45
Se Arxentina, o país do exterior no que residen máis galegos, foi o primeiro país elixido polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para activar a súa axenda de viaxes institucionais ao estranxeiro desta lexislatura, Brasil é o seu segundo destino elixido e visitarao este mesmo mes. En concreto, segundo fontes da Xunta consultadas por Europa Press, o mandatario autonómico ten axendada esta viaxe para a terceira semana de setembro. Así, desde o 20 ao 23 de setembro visitará Río de Janeiro e Sao Paulo.
Durante estes días, o seu obxectivo é manter reunións empresariais, contactos coas autoridades locais e tamén encontros coa colectividade. Non en balde, Brasil é un país cunha relevante presenza da emigración galega, onde os negocios da comunidade son igualmente importantes, especialmente no ámbito da hostalaría. O Executivo galego tampouco perde de vista as oportunidades que supón o feito de que se trate dun país lusófono.
IMPULSO ÁS EMPRESAS GALEGAS
Tras consolidar a maioría absoluta nas pasadas eleccións autonómicas do 18 de febreiro, Rueda non quere deixar de lado a axenda exterior, que pretende asentar en tres alicerces: a atención á colectividade, a relación con Portugal e abrir as portas ou reforzar lazos do empreariado galego noutros países.
De feito, o periplo por Arxentina de maio permitiu ao tamén líder do PP galego manter contacto cos emigrantes, pero tivo, sobre todo un marcado carácter económico, dado que se desprazou ao sur para apoiar os intereses das pesqueiras galegas no país. Vai na liña co obxectivo de contribuír desde a Xunta á captación de investimentos para Galicia e axudar e impulsar ás empresas galegas que se asenten fóra das fronteiras de Galicia e España.
DIÁSPORA E RELACIÓN CON PORTUGAL
Fóra do ámbito económico, o Goberno galego mantén como prioridade a relación con quen abandonaron, no seu día, Galicia, para emigrar e cos seus descendentes. Finalmente, reforzar a "frutífera" relación con Portugal será outro dos eixos da política exterior autonómica neste mandato, co foco en cuestións como o AVE O Porto-Vigo, asumir a presidencia da Eurorrexión e potenciar unha colaboración interfronteiriza que a Xunta ve xa "modélica".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.