Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 04/02/2021 | Actualizada ás 09:25
EcoCanle. Así se chama o novo espazo informativo sobre a ecoloxía galega que se puxo en marcha este mércores 3 de febreiro. "Trátase dunha ferramenta comunicativa dinámica ao servizo dos movementos ecoloxistas galegos, aberta e plural, na que terán cabida diferentes temáticas no ámbito do ecoloxismo", indican os impulsores.
O primeiro programa conta con entrevistas a Antón Lois de Amigos da Terra, Manoel Santos de Greenpeace Galicia e Ana Varela de Petón do Lobo, ademais de reportaxes sobre as desfeitas das canteiras de Budiño e sobre a contaminación na comarca da Limia. Tamén hai unha sección fixa sobre a caza.
"Nestes tempos de emerxencia climática e agresións á nosa Terra faise necesario visibilizar estas problemáticas dando a voz a persoas do ámbito do ecoloxismo e das plataformas que loitan contra a depredación de Galiza", indican os impulsores que destacan que é unha proposta aberta á cidadanía en xeral e ao ecoloxismo organizado en particular, ás sociedades ambientalistas e colectivos defensores da natureza, divulgadoras e educadoras medioambientais ou plataformas veciñais. "Nacemos coa vocación de poñernos ao seu servizo e contribuir a tecer rede e a sementar conciencia verde na nosa Terra", conclúen.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.