As consecuencias da presente crise inmobiliaria en Galicia e as desafortunadas políticas de vivenda da Xunta, que non tomou decisións –no marco das súas competencias– para corrixir as imperfeccións da actual lexislación hipotecaria, contribuíron a dificultar a existencia dos debedores hipotecarios e a facer imposíbel mesmo a súa propia subsistencia.
Os poderes públicos permitiron que se esmagase a economía das familias galegas e permaneceron pasivos mentres afundía o conxunto dos sectores populares ao transferirse descomunais recursos públicos para o pagamento da débeda dunhas entidades financeiras que actuaron de xeito irresponsábel ao atesourar e logo dilapidar uns dividendos descomunais derivados do sobreendebedamento de miles de familias humildes.
Nos últimos tempos a crise hipotecaria derivada do devandito sobreendebedamento e o desemprego xeneralizado forzaron ao impagamento a numerosas familias e os desafiuzamentos incrementáronse exponencialmente en todas as cidades, vilas e aldeas de Galicia. Fronte a isto, o goberno de Núñez Feijoo non foi quen de arbitrar medida ningunha que fixese fronte as causas da actual crise do sistema hipotecario.
A falta dunha lei galega para a protección dos sectores sociais vulnerábeis que auxilie e ampare ás economías domésticas contra a insolvencia familiar e a ausencia de respostas institucionais eficaces que contribúan a frear os desafiuzamentos conduciunos a unha situación insostíbel. É vital para o mercado hipotecario contar cun sistema bancario eficaz e xusto que poida desempeñar funcións de outorgamento de créditos, ofreza os coñecementos especializados necesarios para avaliar a solicitude de préstamo aos prestatarios e no que as institucións recaden e aporten fondos. Tamén sería necesaria unha fiscalización eficaz dos bancos por parte das administracións públicas así como unha divulgación de información financeira clara e transparente para que operen correctamente. Cuestións que aínda non foron abordadas en Galicia.
Eses centos de galegos e galegas que non teñen recursos suficientes para cumprir cos pagamentos da súa hipoteca, e que ademais tampouco poderían afrontar un aluguer se entregasen a súa vivenda, deberían ter algún tipo de saída que lles permitise resolver a súa dramática situación. Entendo que o que corresponde é aplicar a sentenza do Tribunal Europeo de Xustiza por parte dos xuíces para deter os desafiuzamentos en Galicia. Resulta imprescindíbel a presentación inmediata polo conxunto de partidos da oposición dunha proposición de Lei de Vivenda que teña como obxectivo garantir, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e ao amparo das competencias previstas no artigo 27.3 do Estatuto de Autonomía de Galicia, o dereito constitucional a unha vivenda digna e axeitada.