Por admin | Ferrol | 15/02/2021
Algúns tertulianos de berro fácil indígnanse porque opinan que sería ben que rematara alomenos o ensino secundario no seu país. A min, en cambio, non me parece correcto que se mesture co povo cha. Na adolescencia fanse amizades duradoiras e ao chegar ao trono iso se prestaría a todo tipo de corruptelas e tratos de favor. E o comido polo servido, gástase en pleitos o que se aforrou en matrículas. Amais, se estuda na mesma aula que o terceiro estado, que tería de especial ser de sangue real?.Parecería unha máis e por tanto, intercambiavel. Iso só funciona coa realeza nórdica, cos casteláns vellos lévase máis a distancia estamental.
Algún tertuliano reclama do ministerio -tan sobrado de fondos como para obrigar a levar nos colexios públicos, o papel hixiénico aos fillos da plebe- un colexio para as elites nacionais onde se poidan educar, como dios manda, a prole da familia real, os herdeiros da casa de Alba e o máis escolleito da oligarquía meseteira. Non me parece mala ideia se as tarifas anuais rondan os oitenta mil eurazos por coroa e van parar ao ministerio de educación para tapar pingadelas nas escolas dos arrabaldos.
Parece que o distintivo deste colexio galés non é o dragón senón que alí estude todo o señorío de sangue azul e de sangue bursátil do planeta e que, polo visto, imparta unha exquisita educación en valores. Alí a princesa Leonor convivirá con compañeiros que falan distintas linguas e portan distintas culturas. Parece que iso vaille dar unha visión máis aberta e rica do mundo que aquela que ía atopar no pazo da Zarzuela. Ao tempo aprenderá o inglés con soltura que lle será indispensavel nas relacións internacionais da marca España, como xa antes fixera o seu avó.
De ter ficado a se formar en España, a princesa de Asturias podería estudar nun instituto de Uvieu e rematar entregando os premios que levan seu nome en bable ou asturiano. Cousa pouco elegante, certamente. Tampouco en Gales-Wales-Cymru vai aprender unha soa palavra de galés. Ou pode que os seus pais optaran por estudala en Euskalherria e se botara a darnos o discurso de nadal na lingua máis antiga da península. Ongi etorri. Que atraso dinástico voltarmonos aos reinos de taifas!. O de estudala en Catalunya estaría fóra de lugar para non lembrarlle á plebe, tan esquencediza ela, a historia dos duques de Barcelona. Anque aínda lles quedaría a opción de matriculala en Compostela e aprenderlle galego -cousa que nunca fixeron os duques de Lugo nen sequer co Froilán- máis que nada por se teñen que volver veranear en Estoril.
Non sei, a xente anda demasiado alporizada polo prezo privativo da matrícula coa que sei que comerían non poucas familias indixentes ou coa que se lle podería pagar, ao oligopolio das elétricas, todo un ano de alumeado de Nadal para os veciños da Cañada Real. Máis, levando, como levan os da Cañada, un nome tan monárquico.
Quen sabe que será o mellor para a rexa formación dunha princesa do século XXI!. Talvez a espléndida educación en valores dese internado galés tan pintoresco sexa o máis acaído. Tolerancia, equidade, sentido da xustiza, humildade… e resiliencia. Sobre todo resiliencia, esa capacidade de se sobrepór á adversidade cando non veñen dadas. Forza, enteireza, rexedume…
Anque certamente, a resiliencia exercitaríaa mellor nun internado da Cañada Real e o que aforrariamos todos!.
IOLANDA TEIXEIRO REI, FERROL
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.