Por GC Tendencias | Carballiño | 06/08/2013 | Actualizada ás 17:17
Un total de 260 quilos de polbo regados con 70 litros de aceite de oliva e aderezados con 20 quilos de sal e un quilo de pementa picante. A maior ración de polbo á feira feita endexamais, presentada nun prato de madeira de 3,8 metros de diámetro como preludio da tradicional e multitudinaria Festa do Polbo do Carballiño, que este ano chega a súa 51 edición.
A asociación de polbeiros e polbeiras do Carballiño (Ourense) pasou o día de hoxe preparando os 260 quilogramos da ración de polbo á feira máis grande do mundo, para mil persoas.
Os polbeiros e polbeiras reparten así hoxe, na praza maior da vila ourensana, dende as 20.00 horas, unha ración única en cuxa elaboración participaron até 28 familias de Arcos. O prezo do prato por persoa é 3 euros e cada participante leva ademais o recordo do prato de madeira cun gravado ao lume alusivo á festa e ao polbo 'Octavio' —mascota da festa do Carballiño—, viño, pan de Cea e unha figura de chocolate dun artesán chocolateiro da vila.
Outras actividades
Entre as actividades previas á festa grande do polbo no Carballiño esta fin de semana, tamén se programaron as segundas xornadas gastronómicas nas que o cociñeiro Pepe Solla impartirá este mércores. Os asistentes tamén poderán participar nunha cata de viño comentada por un enólogo.
O xoves será a quenda do cociñeiro Antonio Botana e o venres será o día adicado a obradoiros de cociña para nenos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.