Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/02/2021 | Actualizada ás 13:37
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, cualificou de "obsoleta" a política lingüística da rede social TikTok, que "só recoñece unha lingua oficial por territorio", motivo polo cal a campaña da Xunta de Galicia '#aculturasegue', en galego, foi eliminada da rede social.
O Goberno autonómico puxo en marcha o pasado novembro unha campaña de fomento do consumo cultural, co obxectivo de paliar o impacto da pandemia de covid-19 no sector. Un dos alicerces da iniciativa era o público máis novo, ao que pretendían achegarse a través das redes sociais máis utilizadas entre os mozos galegos, como Instagram, Twitter ou TikTok.
Con todo, a plataforma chinesa de vídeos curtos vetou a campaña da Xunta e argumentou que "o galego non é unha lingua admitida pola rede social". A política lingüística de TikTok só contempla unha lingua oficial por país, polo que só admiten o castelán para o territorio español.
RECONSIDERAR A NEGATIVA
Este xoves, na presentación da exposición 'Cultivar incertezas' no Centro Galego de Arte Contemporánea, Anxo Lorenzo, achacou a un "descoñecemento da realidade do territorio español e á distancia" unha política "obsoleta" que "non ten en conta as linguas cooficiais". "Trasladámoslles xa dúas comunicacións oficiais, por carta, pedíndolles que reconsideren a negativa a publicar o vídeo, pero non obtivemos aínda ningunha resposta", explicou Anxo Lorenzo, que recalcou que seguirán insistindo porque, nestes momentos, "é vital" para o sector da cultura comunicar esta campaña de apoio.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.