Por GC Tendencias | | 18/08/2013 | Actualizada ás 15:00
23 e 30 de agosto. Esas son as datas nas que se poderá coñecer a maxia nocturna dos grandes conxuntos megalíticos da Serra do Barbanza co obxectivo de divulgar o patrimonio arqueolóxico como unha parte do patrimonio funerario e cultural.
Estas visitas nocturnas terán lugar na Serra do Barbanza, un destacado punto xeográfico entre as rías de Arousa e Muros-Noia. Formada por rochas magmáticas e materiais metamórficos, a maior parte está constituída por afloramentos graníticos. E é nesta zona na que se atopa unha importante necrópole megalítica cunha trintena de túmulos. Unha paisaxe con máis de 6.000 anos de historia nos lindes dos concellos de Boiro, Lousame e Porto do Son.
O seu máximo expoñente está no Monte Iroite, en cuxos 'Chans' se sitúan varias das mámoas obxecto desta proposta. Os principais contidos a tratar nas visitas serán, xunto co susodito patrimonio arqueolóxico funerario, a construción da paisaxe megalítica, o uso tradicional do monte, a cantería tradicional e o imaxinario colectivo.
Varios túmulos
O percorrido, cunha distancia aproximada de sete quilómetros e dúas horas de duración, incluirá unha ducia de túmulos, dando comezo en Outeriño do Pan e tendo como eixo a Casota do Paramo.
O punto de partida establécese no Monte Iroite, ás 21.00 horas, diante do aparcamento do EVA nº10 (situado a 9 quilómetros do lugar de Moimenta, na estrada comarcal 1105 que une os concellos de Noia e Boiro) e realizarase en dúas sesións: nas noites dos venres 23 e 30 de agosto.
As rutas están coordinadas por Carmela Sánchez Arines, DEA en historia da arte e representante de Etnoga, e serán guiadas polos arqueológos Patricia Mañana Borrazás e Xurxo Ayán Vila. Ademais, contan co apoio de Porto do Son, un concello con innumerables restos prehistóricos nos que destaca o Castro de Baroña; e do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit), creado en 2010 polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) para estudar o patrimonio cultural como un problema científico.
As visitas, cun custe de 5 euros, precisan inscrición previa e as persoas participantes deben levar lanterna e chaleco reflectante. Para anotarse poden facelo a través do número de teléfono 695 491 898 ou no enderezo de correo electrónico rutas@etnoga.com, indicando o nome, apelidos, teléfono de contacto e DNI. Ademais, na web http://rutas.etnoga.com disponse de máis información e dun formulario de inscrición.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.