Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/02/2021 | Actualizada ás 11:00
Novas denuncias de “retrasos” á campaña de vacinación da Xunta. Pouco despois de que unha fronte sindical acusara á Consellería de Sanidade de estar a “saltar” a parte do corpo de profesores, a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) vén de criticar a orde que a administración está a seguir na administración das vacinas contra a covid-19.
Segundo destacan dende a federación, a campaña de inmunización da Consellería de Sanidade estaría a incorrer en “retrasos e desigualdades” na distribución das vacinas; en particular no que atinxe aos equipos dos centros de atención ao dano cerebral. Segundo destacan, varios dos equipos profesionais "non foron nin citados para recibir a súa primeira dose”, unha circunstancia que, a ollos da Federación, “redunda nun perigo para as persoas que teñen dano cerebral e son atendidas nos centros”.
A circunstancia, explican as mesmas fontes, podería dar lugar a situacións de perigo pola “vulnerabilidade” ante o virus “tanto das profesionais que atenden ao colectivo de persoas con dano cerebral adquirido como do propio colectivo de persoas con esta discapacidade”. Segundo destacan dende a plataforma, o ‘esquecemento’ da Xunta atinxe a unha certa proporción de profesionais; xa que, a día de hoxe “a práctica totalidade de profesionais dos centros da Coruña, Lugo e Vigo foron xa vacinados”.
SANTIAGO E OURENSE, SEN VACINAR
Porén, engaden, a situación non é parella nos centros de Santiago e Ourense, cidades nas “non se recibiu ningunha citación” para a vacinación. Segundo explican dende a plataforma, “algunhas das profesionais desas dúas localidades foron xa vacinadas, pero as súas citas foron realizadas mediante os colexios profesionais (fisioterapia, logopedia e psicoloxía)”, é dicir, non polo mecanismo xeral da Xunta de Galicia.
A Federación engade, por último, que tentou contactar coa Xerencia da Área Sanitaria de Santiago; así como coa Dirección Xeral de Saúde Pública e a Dirección Xeral de Atención Integral Sociosanitaria de Política Social, coa fin de resolver esta anomalía, pero sen obter “ningunha resposta nin acción ao respecto”. Fronte a esta “desigualdade” “moi preocupante” instan a establecer un procedemento “único” no que a priorización por colectivos sexa “clara”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.