Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/03/2021 | Actualizada ás 20:24
As obras de ampliación e mellora do Museo do Pobo Galego quedaron inauguradas este luns coa presenza de numerosas autoridades nun acto que pechou Alberto Núñez Feijóo. Con todo, estas novas salas do museo estará vacías, aínda que o presidente galego asegurou que xa se traballa na musealización desta nova parte e que desexaría que estivese finalizada en xullo para poder entregala para o Día Nacional de Galicia, que se celebra o 25 dese mes.
Na súa intervención, Feijóo destacou que a ampliación do Museo do Pobo Galego, que definiu como unha obra "ben feita e harmónica", permitirá "ofrecer un cadro aínda máis completo de Galicia, ao incluír un percorrido pola historia democrática, contemporánea, autonómica.
En concreto, a mellora materializada facilitará ao museo unha suma de espazos e equipamentos na área do convento e na á sur, que servirán para aumentar a oferta de contidos e habilitar este novo apartado cultural de primeiro nivel.
Ademais dos 1.600 metros cadrados máis de superficie, o edificio conta cunha fachada e cuberta renovadas; cun mellor illamento; e cunha mellor comunicación, ao dispor dun ascensor de alta capacidade e dunha escaleira vertical que une todas as plantas.
Consolidado ao longo das últimas décadas como un referente da rede museística autonómica sen o cal sería máis difícil explicar e divulgar a identidade galega, Feijóo defendeu que este museo é "unha iniciativa de país".
"COOPERACIÓN" ENTRE ADMINISTRACIÓNS
Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada destacou tamén as obras de mellora do Museo do Pobo Galego, das que --remarcou-- o Executivo central financiou o 50% e que foi dirixida polo Consorcio de Santiago. Despois dun ano de intervención permitiu triplicar a superficie do centro cultural.
"Hoxe facemos máis grande o museo, hoxe facemos máis grande a Galicia", dixo Losada , quen destacou este proxecto como un exemplo da cooperación entre administracións --Executivo estatal, Xunta e Concello de Santiago-- e "un compromiso con Galicia".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.