Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/03/2021 | Actualizada ás 10:13
Na mañá deste martes restableceuse a circulación en dous pasos situados nos municipios ourensáns de Lobios (paso fronteirizo da Madalena-Ponte da Barca) e A Mezquita (paso fronteirizo de Manzalvos-Moimenta), que permaneceran pechados debido á situación pola Covid-19.
Así o informou a Delegación do Goberno en Galicia en relación á reapertura de dous novos pasos fronteirizos entre Galicia e Portugal. En ambos os puntos a circulación estará permitida de luns a venres en horario de 7,00 a 10,00 e de 18,00 a 21,00 horas.
"España e Portugal acordaron de maneira coordinada prorrogar os controis restablecidos temporalmente na fronteira interior terrestre entre ambos os países a partir desta madrugada, unha medida que ten como obxectivo facer fronte á situación de crise sanitaria ocasionada pola Covid-19", explicou a Delegación do Goberno nun comunicado.
A prórroga destes controis establécese nunha orde asinada polo ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, publicada o pasado venres, 26 de febreiro, no Boletín Oficial do Estado.
O texto sinala que esta medida se manterá ata as 1,00 horas do 16 de marzo. Así mesmo, establécese que "as entradas e saídas do territorio español só poderán realizarse polos pasos autorizados e durante os horarios que se establezan".
Os pasos fronteirizos autorizados en Galicia, establecidos de común acordo coas autoridades portuguesas sitúanse, por unha banda os abertos as 24 horas do día todos os días da semana, en Tui-Valença e Verín-Vila Verde da Raia.
Mentres, os pasos abertos de luns a venres de 7,00 a 10,00 e de 18,00 a 21,00 horas (hora española), están en Salvaterra do Miño-Monçao, Arbo-Melgaço, Baltar-Montealegre, A Madalena-Ponte da Barca e Manzalvos-Moimenta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.