Por E.P. | A Coruña | 03/03/2021 | Actualizada ás 18:37
A preestrea do filme 'Nación', da directora Margarita Ledo Andión, abre este venres na Coruña a nova edición do ciclo 'Olladas de muller', organizado polo Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) en colaboración co Consello da Cultura Galega.
A través desta iniciativa, enmarcada na programación cultural da Xunta para o Día Internacional da Muller, proxectaranse ata o 12 de marzo seis filmes de diferentes nacionalidades feitas por e sobre mulleres. A entrada é gratuíta.
'Nación', realizada co apoio das subvencións á produción da Consellería de Cultura, ofrece unha investigación sobre as galegas na segunda metade do século XX.
A través da historia da fábrica de porcelanas Pontesa, homenaxea a todas as mulleres que converteron a factoría nun referente para a reivindicación dos dereitos femininos, intercalando imaxes de arquivo, testemuñas, reconstrucións ficcionadas e elementos da cultura popular.
Será a propia autora quen presente a película o venres ás 19,00 horas na sede do CGAI e protagonice o coloquio posterior. 'Nación' ten previsto a súa estrea en cinemas comerciais o 26 deste mes.
O ciclo continuará o sábado con 'Cen anos entre tres reinos', de Alicia López Méndez e Xabier López Rodríguez, mentres que o martes, día 9, será a quenda das directoras Patricia Pérez e Heidi Hassan, quen presentarán o seu traballo 'A media voz' e participarán no coloquio en liña posterior.
O mércores chegará outra preestrea, a de 'A metamorfose dos pássaros', documental da portuguesa Catarina Vasconcelos, e, o xoves, o ciclo continuará con 'Beginning', ópera prima da xeorxiana Dea Kulumbegashvili. A proxección da francesa Sébastien Lifshitz 'Unha nena (Petite fille)' pechará o conxunto de exhibicións centradas nas mulleres.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.