A Cidade da Cultura lanza as novas "residencias artísticas" para ir "máis alá da exhibición"

Aplicarán en áreas como a música, escena, danza, artes performativas e visuais e literatura

Por E.P. | Santiago de Compostela | 04/03/2021 | Actualizada ás 13:06

Comparte esta noticia

O proxecto 'Residencias artísticas do Gaiás (REGA)' foi presentado este xoves na Cidade da Cultura, que este ano se converterá nun "viveiro creativo" que apoiará a produción cultural en Galicia en áreas como a música, a escena, a danza, as artes performativas e visuais, e a literatura.  A primeira convocatoria das residencias do Gaiás ofrecerá "espazo e recursos" a creadores culturais para a produción das súas obras ao longo de todo o ano, "convertendo a Cidade da Cultura nun dos eixos do tecido cultural galego", tal e como explicou Javier Pena.

Os asistentes á presentación destacaron algunhas das residencias, como a teatral que, baixo o nome de 'Clásicas desfeitas', producirá tres textos clásicos, desde os gregos ata outros máis contemporáneos como os de Virginia Woolf, desde "perspectivas moi diferentes". As residencias literarias, pola súa banda, servirán non só para a creación, senón para un acompañamento "máis concreto" de proxectos a través do diálogo con autores xa publicados e experimentados.

FOMENTO DOS FLUXOS CREATIVOS INTERNACIONAIS

"As residencias serán espazos de reflexión e creación onde se tecerán ademais relacións entre os creadores", explicou o responsable de RPM, que financiará con 20.000 euros o proxecto e en cuxa web xa se poden inscribir os interesados.

Doutra banda, tanto a directiva do colectivo Charco como o secretario de Cultura destacaron a "enorme importancia" da mobilidade e os fluxos de creación a ambos os dous lados do "charco", entre Latinoamérica e Galicia, un aspecto no que incidirá esta iniciativa. Ademais de creadores galegos, participarán autores latinoamericanos das diferentes áreas exploradas.

"Con este proxecto buscamos a internacionalización e a transversalidade creativa", sinalou Anxo Lorenzo, que avanzou que este será un dos alicerces do II Plan Estratéxico do Gaiás, que espera que se presente "antes do verán". A outra punta de lanza será outro dos aspectos impulsados coas residencias: a investigación e a produción.

"Ademais de potenciar a exhibición cultural, o Gaiás vai un paso máis aló con esta iniciativa, marcando un camiño para a década que comeza na que primará a investigación e a creación da produción cultural de Galicia, ao que Cultura destinará aínda máis esforzos e recursos, e que estará presente no próximo plan estratéxico", explicou o secretario xeral.

A Cidade da Cultura ensina a súa 'Gaiás secreto' con novas visitas a zonas verdes. XUNTA
A Cidade da Cultura ensina a súa 'Gaiás secreto' con novas visitas a zonas verdes. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta